"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







miércoles, 24 de octubre de 2012

Eleccións de treboada e choiva miúda...


Por Xoán Bascuas*
La Voz de Galicia -  25/10/2012

Dúas foron as treboadas que se viron na noite do pasado 21 de outubro: a propiciada polo Partido Popular e a outra a que se deu baixo o patrocinio de Xosé Manuel Beiras.

A primeira é unha treboada persistente, constante, que non escampa nunca. Non por obvio está de máis lembrar que o PP de Galicia nunca perdeu unhas eleccións autonómicas, e só nunha ocasión quedou por debaixo da maioría absoluta. A fidelidade de voto e, sobre todo, a capacidade de desmobilizar ao electorado da esquerda son ferramentas que esta organización sabe empregar moi ben, e que ninguén foi quen aínda de virar. Quen queira algo máis que alcanzar un goberno alternativo en Galicia, isto é, conseguir unha maioría social no país, deberá examinar cómo se pode contrarrestar este xeito de proceder do PP e erosionar, cal orballo, a base dos apoios deste partido conservador.

Ademais, a tormenta intensifícase desta volta, xa que o PP de Galicia é o único partido de toda Europa occidental que é premiado pola súa xestión da crise económica. Noutras latitudes, outros partidos teñen revalidado a súa posición como primeira forza, mesmo perdendo votos, pero en ningún caso conseguindo máis apoio.

A outra treboada ten nome propio: Xosé Manuel Beiras. Nunha sorte de xustiza poética para o «vello» líder caído (dito con todo o respecto do mundo), soubo lembrar as tempestades doutro tempo nun tempo novo. Nas eleccións de 1993 e nas de 1997, as que conduciron á simplificación do mapa político galego, eran Fraga e Beiras os que se encaraban, polarizando os debate entre estes dous xigantes da política. Todo o demais desaparecía no combate entre eles dous. E na última semana de campaña, definitiva de cara á resultante final, repetiuse aquel parte meteorolóxico, xa que o tirón mediático de Beiras foi aproveitado por Feijoo para mobilizar ao seu propio electorado e á inversa.

Hai quen pensou que había que escoller entre a barbarie ou a rebelión. Nesa guerra a primeira vítima sempre é a sensatez. E nesa guerra sempre ten gañado a barbarie. Haberá que pensar algunha vez que para poder gobernar haberá que ter un programa posible e con sentido común; que non basta con paralos e facerlles fronte.

Algo mal fixemos os demais para que isto aconteza e, xa que logo, temos moito que pensar. PSOE e BNG terán que redefinir o seu camiño neste novo contexto político e «refrescar» cadanseu proxecto. E Compromiso por Galicia non está libre de reflexión; o feito de ter que saír á intemperie con cinco meses de vida escasos e ser pouco coñecido pola cidadanía non obvia que temos que medir o impacto dos erros propios. Pero tamén foi moito o que se gañou: capacidade organizativa e demostración de firmeza e perseveranza. Ao fin e ao cabo nós somos a choiva miúda que calla na terra para facela agromar. E así se verá nos vindeiros comicios municipais.
* Xoán Bascuas é Secretario xeral de Compromiso por Galicia

No hay comentarios: