Por Lourenzo Fernández Prieto
La Voz de Galicia
16/10/2012
Algo saltou polos aires na derrota do 2009 e por iso algúns dos lemas desta campaña electoral: frealos, paralos, botalos, non aluden a qué facer despois de chegar ao Goberno. Como se houbese medo a gobernar, a correr o risco de gañar. Un medo que confunde ao votante que vota para que o gobernen, porque aínda os anarquistas están sempre en condicións de seren seducidos. Mágoa que os presuntos desafectos a este sistema democrático aínda cren menos nos partidos que non se presentan para gobernar senón para sacar uns poucos deputados da oposición que nos que teñen vontade de goberno. Aínda falta unha semana para ver compromiso de goberno nas alternativas radicalmente democráticas.
Unha parte da esquerda, en vez de programas de goberno, parece preferir facer oposicións a ser oposición, teimando co mito da revolución (pendente) ou da traizón da ruptura pactada. En Galicia, despois dunha longa travesía, superouse esa teima pola vía do nacionalismo que no 2005 optou por gobernar e logrou gobernar, porque o empeño galeguista en construír país puido máis que os temores a entrar no Goberno sen facer primeiro non sei qué revolución. O PSOE xa era partido de goberno aínda que en Galicia só Laxe demostrara o anceio que despois se lle viu a Touriño. Agora que estamos en campaña, e comparado co Goberno destes últimos catro anos, abunda quen pensa que entre o 2005 e o 2009 fíxose algo máis que un cambio. Incompleto, desigual e ademais frustrado por erros propios e intelixencias alleas, pero algo máis que un cambio. Aínda que non chegase a revolución, nalgúns casos foi radicalmente anovador.
Pola súa banda, para a dereita, avergoñar aos votantes da esquerda foi un sistema exitoso para gañar eleccións democráticas en conxunturas de moita competencia electoral. O mecanismo leva a facer aumentar a abstención e a desafección dos votantes da esquerda con escándalos varios. A corrupción está aí, a tolerancia con ela tamén e a capacidade para atallala distingue a calidade das democracias. Estar está aí, pero en España o conto é que apareza no momento oportuno. Ou simplemente que pareza, aínda que non sexa. Podemos remontarnos á creba do Goberno Azaña co de Casas Viejas. Na historia da democracia española, o voto do anarquismo sociolóxico é sempre o que decide as eleccións disputadas.
Na crise actual, tanto apoliticismo, tanto antipoliticismo, cheira cada vez máis a populismo e solucións dos vellos tempos: tecnocracia e autoritarismo. Algúns xuíces axudan pero tamén a aristocracia esquerdista. A versión de «non gobernaremos porque o noso reino non é deste mundo» sempre acaba por converterse en «non temos máis remedio que gobernar para que non goberne a dereita pero non sabemos como, así que perdoádenos os nosos erros». Ou a de «que ninguén conte con nós para gobernar». A pranta radical da democracia segue sendo como nos anos 30, como en 1870. Agora que desempoaron a momia de Prim, haberá que consultarlle.
No hay comentarios:
Publicar un comentario