Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región - 04.10.2012
Beiras non é un político. É unha estrela. Por iso é fácil que se deslumbre. Desde logo non é un estratega, nin un xestor. É un figura. E, creo, vén de cometer o seu terceiro grande erro político.
De a cabalo entre os sesenta e setenta, Beiras era a atractiva e indiscutible referencia dun minúsculo e intelectual PSG que nunca tivera base social porque aqueles profesionais vían a rúa desde a súa torre de marfíl. Na transición xogou as súas bazas de forma inxenua e ineficaz. Cando chega o consello -e diñeiro- alemán para recompor o socialismo en España, a maioría dos integrados na Federación de Partidos Socialistas -onde estaba o PSG- participaron no proxecto global baixo a vella sigla PSOE. Así, os cataláns, por exemplo, tiveron as mans libres para xestionar nos seus territorios o ideal socialista; de aí lle vén ao PSC a súa identidade e forza. En Galicia cun PSOE inexistente ao final do franquismo, ese papel podería ter sido asumido por Beiras, pero non quixo. Consulta co espello, preséntase só ás primeiras eleccións e sofre unha derrota estrepitosa. O seu partido esgaza na marxinalidade e a comeza unha vida errática, con el fóra de xogo. Primeiro erro grave, deixar pasar a oportunidade.
Na primeira parte dos oitenta, unha forza nova, tamén de esquerdas, pero moderada, moderna e áxil, a Esquerda Galega de Camilo Nogueira, trata de ocupar un espazo máis amable e integrado no sistema. Ten o seu éxito a campaña ás autonómicas de 1981 e 85 e obten representación parlamentaria. O Bloque, daquela, vaga polo camiño da radical oposición ao sistema democrático e autonómico. Son anos de malas compañías. Telesforo Monzón, de Herri Batasuna, convidado en 1979 e 1980 ao Día da Patria Galega; anos con 84 e 93 asasinados por ETA. Tempos duros. Exclúense do Parlamento por non xurar a Constitución, en 1981. Boicot á traída promovida polo Parlamento Galego dos restos de Castelao, 1984, para tratar de deslexitimar as institucións. Pero o vello Bloque, coa UPG á frente, ven preciso modificar táctica no outono de 1984 para non quedar fóra do xogo. Pero sen autocrítica. Chaman e integran a Beiras como icono pero sen poder. En vez de achegarse ao máis aberto e reformista do nacionalismo, únese aos que o escarneceran anos atrás. E estes ocultan no seu brillo, as miserias pasadas. Segundo erro, prestarse a un xogo que acabou como acabou.
E terceiro, e último, erro de momento: o Bloque abanaea e son moitos os que deciden en 2012 deixar aquela casa común por consideraren o ambiente irrespirable e inútil para avanzar. Desexan, din, abrirse a unha xente que non quere radicalismo nin dogmas senón solucións e menos estrelas -nas bandeiras- e máis proximidade ao mundo real. E Beiras, estrela, refulxe de novo e camiña en sentido contrario. Aos seus 74 anos ?oito máis que Fraga cando chegou a Galicia- non quere apoiar esa idea e inicia un camiño do enroque contrario cunha unión frentepopulista contra o sistema por todo proxecto. Terceiro grande erro, non apostar pola renovación. A historia, vella bruxa, move as súas pezas sobre o taboleiro para que nada cambie nunca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario