Cando hoxe á tarde prendín o móbil tiña unha escueta mensaxe de
whatsapp na que un amigo dicíame: “Terrível Pedro. Triste dia hoje”. E
no que primeiro pensei non foi nun problema de saúde, familiar ou
laboral seu, non. No que ao momento pensei foi precisamente nun atentado
terrorista.
Este é o drama, que xa non nos sorprende, que o
esperamos, que sabemos que é cuestión de tempo, lugar e oportunidade
para que volva a suceder, que sabemos que temos diante nosa, un
gravísimo problema non só de seguridade senón de liberdades públicas e democracia.
Quen queira ver nas miñas palabras o máis mínimo contido islamófobo ten
un moi grave problema. Porque sei distinguir e distingo entre o cidadán
que cre nunha fe e o asasino terrorista que non cre que eu, nin ti,
teñamos o máis mínimo dereito á vida por non aceptar a súa ideoloxía
totalitaria, fanática, expansionista e xenocida.
Resolver un
problema implica como condición sine qua non que debemos antes recoñecer
que o padecemos. Logo virán as accións de todo tipo para tentar
resolvelo.
Que a democracia e o integrismo islámico son
absoluta e radicalmente incompatibles é algo que non é unha afirmación
tremendista miña, é algo que eles mesmos a diario insisten en demostrar
coa maior brutalidade e salvaxismo posíbel.
Evidentemente non só
o islamismo é incompatible coa vida en democracia e liberdade, outras
ideoloxías como o nazismo ou o estalinismo son frontalmente contrarias
aos valores que como demócratas e cidadáns libres debemos defender para
nós e para todo o planeta. Mais a gravísima ameaza actual que sufrimos,
que un día actuou en Atocha, coma hoxe en París e podería actuar
calquera día de novo en calquera lugar ten un nome moi concreto:
islamismo.
O meu máis sentido pésame aos 12 mortos hoxe na
redacción de Charlie Hebdo. Culpables de exercer e defender sen medo a
nosa/súa/vosa liberdade de expresión e de opinión. Alicerce de todas as
liberdades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario