"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







miércoles, 7 de agosto de 2013

Agora, Croacia



Por Josep-Lluis Carod-Rovira

Hai só unas cantas horas que Croacia converteuse no estado número 28 da Unión Europea, 21 anos despois de declararse independente, de xeito unilateral, un 25 de xuño de 1991. A súa vontade de soberanía nacional topou de fronte co unionismo nacionalista da Serbia dentón, o país que, de feito, controlaba férreamente Iugoslavia, formalmente un estado común e compartido que comprendía varias nacións. Ao final, acabou estoupando e desintegrándose en varios estados nacionais independentes, despois dunha guerra durísima e cruenta, terrible, de forma que Iugoslavia transformouse en tan só o que, de feito, fora sempre: Serbia e só Serbia. Cun resultado final que fai pensar na defunta URSS, as vellas estruturas deixaron ás novas vontades. E estas remataron converténdose en estados hoxe incuestionables como suxeitos de dereito internacional: Croacia, Eslovenia, Serbia, Bosnia, Macedonia, Montenegro e Kósovo. Ben, a expresión “incuestionable” é unha licenza, unha forma de falar posto que, no caso de Kósovo, hai aínda algúns estados que hoxe non recoñecen a independencia, estados que non son, precisamente, un modelo para imitar en moitos aspectos: Rusia, España, Grecia... Non se trata, ben mirado, dunha actitude nova por parte de España, quizais porque alí case todo xa é vello, sobre todo en cuestión de actitudes cara ao recoñecemento da diferenza. Recordo, aínda, as palabras do presidente español Felipe González afirmando, cun aceno altivo, serio, ameazando, que o seu país nunca recoñecería Estonia, nin Letonia, nin Lituania, nin Eslovenia, nin Bosnia, nin Croacia, nin... Hoxe, dúas décadas despois, o Reino de España mantén unhas magníficas embaixadas en todos estes países e eu mesmo tiven a oportunidade de falar, sobre o terreo, cos seus embaixadores en Riga e en Saraievo, como a cousa máis normal do mundo. Felipe González, pois, perdeu e a posición oficial de España tivo que ser modificada, rectificando e adaptándose á nova realidade internacional. 

Desde a independencia de Croacia, até a nova condición de estado membro de pleno dereito da UE, pasaron moitos anos. Non é estraño, se temos en conta que o estado do cal formaba parte Croacia, é dicir, Iugoslavia, non era nin fora nunca integrante de ningún organismo europeo comunitario dos que precederon a UE actual. Croacia, pois, non era, no momento da independencia, nin territorio da UE, nin os croatas tiñan a condición de cidadáns europeos da UE, a diferenza de Catalunya que si que reúne os dous requisitos: é territorio da Unión Europea e os seus cidadáns teñen a cidadanía europea. Tamén había outra prevención negativa que é preciso non esquecer. Refírome ao pasado dun nacionalismo croata xenófobo e racista, aliado da Alemana nazi e da Italia fascista: os ustaxi. Algunhas manifestacións dese nacionalismo excluínte, de superioridade racial e nacionalcatolico producíronse tamén na guerra da independencia dos anos noventa contrta a poboación bosníaca, de maioría musulmá, ou serbia, de maioría ortodoxa, e algúns responsables daquela época tiveron que comparecer perante o Tribunal da Haia. 

Houbo croatas, pois, que tamén practicaron, hai catro días, a limpeza étnica, como fixeron algúns dirixentes serbios. Doutra banda, a tradición profundamente católica da sociedade croata explica a posición favorable do Vaticano á independencia de Croacia, xa desde o primeiro intre, actitude moi clara que influíu na celeridade dalgúns recoñecementos diplomáticos internacionais do novo estado. Despois ter o privilexio de seguir, alí mesmo, os procesos de independencia dos países bálticos, e de tratar coas persoas que dirixiron o movemento para converter o soño en realidade, tocoume ir logo aos Balcáns. Nunhas cantas ocasións estiven en Eslovenia, cuns obxectivos, unhas finalidades e uns contactos do todo imaxinables, acompañado de persoas adecuadas para cada unha das tarefas que tiñamos que facer, viaxes e contido dos cales sempre se produciron na máis grande das discrecións e así continuarán. 

Mais agora, vénme á memoria a viaxe que con Àngel Colom e Miquel Pueyo, o tres únicos deputados que daquela tiña ERC, fixemos a Croacia. Vexo os coches indo de Lubliana cara Zagreb, con armas longas automáticas que saían polas xanelas e a unha velocidade considerable. Zagreb aparecía medio ás escuras, había moreas de sacos terreros na entrada de edificios públicos ou outros de valor arquitectónico e cintas de esparadrapo que enchían os vidros dos escaparates e vitrinas, para preservalos dos ataques da aviación serbia. No palacio presidencial entrevisteime co presidente Franjo Tudjman, o militar que proclamara a independencia e que dirixía o país naqueles momentos de guerra. A garda presidencial levaba unhas capas longas vermellas e un tipo de cascos dourados, unha escea que me levou cara a Tintín e O cetro de Ottokar. A reunión durou un bo tempo e lembro que lle falamos dos Países Cataláns, cando nos preguntou cal era o territorio da nosa nación... E máis cousas que agora non son do caso. En fin, eles saíronse, porque decidiron saírse e gañar. Nós, aínda non. Pero conseguirémolo. Non teño ningunha dúbida. E, pola nosa banda, sen disparar nin un só disparo.

No hay comentarios: