"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







martes, 1 de enero de 2013

Eu tamén son Pedro Gómez-Valadés. Por Manoel Bello

Por Manoel Bello Salvado* .
El Correo Gallego - 22 de abril de 2007
.
Que uns compañeiros do B.N.G. de Vigo queiran expulsar a Pedro Gómez-Valadés do Bloque Nacionalista Galego por pertencer á AGAI (Asociación Galega de Amizade con Israel) é das cuestións máis disparatadas que últimamente puiden ler. Tamén lin artigos de opinión, bastantes, na súa defensa. Recordo a Manolo Rivas, Pilar Rahola, Manuel Bragado, Manuel Barreiro, Anxel Vence, Miguel Barros, etc. Por outra banda algún outro xustificaba o seu linchamento. Estes últimos, entraban a falar do conflito Israel-Palestina. Pouca cousa. @s palestinian@s son moi bos e os xudeus moi malos. Simplista e cansina consigna.

E moita, moita ignorancia no fundo sobre a cuestión. Estou farto de consignas. Non son comunista, mais non teño nada contra os comunistas, traballo con eles axudando a facer País. Non son inimigo de Israel nin de Palestina, mais impórtame pouco o conflito árabe-israelita, pois pouco podo facer. Laméntoo, pero preocúpame máis o colectivo de galegos e galegas que agardamos a que nos transplanten un órgano, ou os problemas que arrastra a Galiza.
Algo de culpa ten Israel, algo de culpa Palestina, para estaren hoxe sen unha solución. E non teño nada en contra da AGAI. Lin os seus estatutos e teñen tres obxectivos: Estudar e recuperar o pasado xudeu na Galiza. Dar a coñecer, investigar e difundir o que foi o Holocausto. Manter relacións cos grupos pacifistas, progresistas e defender os acordos de paz de Oslo asinados por Arafat e Isaac Rabin. Eis a cuestión. Qué ten isto de contradición co B.N.G.? Nada. No B.N.G. de Vigo a uns poucos foíselles o aceite ao lume. Xa o apagarán.
Estou farto de consignas. Cuba si, ianquis non. Outra. Estiven en Cuba dúas veces e entusiasmeime coa educación, a sanidade, a felicidade sen consumismo … repudiei a ditadura, a prohibición de prensa plural, a falla de liberdade de expresión, a prohibición de partidos políticos, o control dos militares polas rúas, en fin. Pero respétoo, mais será en todo caso a consigna: Cuba si, Bush non. Ou acaso non hai ianquis de esquerdas, pacifistas, que axudan o pobo cubano ou intelectuais como Chomsky ou Petras? Que doado é caer na manipulación. E se monto unha asociación de amizade Galiza-EE.UU.? E se me fago socio da AGAI porque non aguanto que pensen por min e me traten como un borrego? Tamén vanme expulsar? Ú-los meus dereitos á discrepancia, ou de asociación? Galiza é plural, e o B.N.G. asume esa pluralidade? Se expulsan a Pedro Gómez-Valadés, terán que expulsar a decenas de militantes e incluso concelleiros do B.N.G. que están na AGAI. E tamén terían que expulsarme a min. Defender o réxime de Irán ou de Corea do Norte ou mesmo falar español, iso é merecente de ter carné. Mellor será reflexionar e razoar un pouco.

*Manoel Bello Salvado é Concelleiro e Responsábel Local do B.N.G. de Mesía e membro do Consello Nacional do BNG

No hay comentarios: