"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







miércoles, 2 de enero de 2013

A Coroa e a Igrexa

Como era de esperar, puxeron a falar o Borbón para a Noiteboa. O tipo apareceu inchado, facendo sospeitar que a medicación o levou a tan triste feitío logo de que lle tivesen que por cadansúa prótese nos cadrís. Escadrilado, medio a sentar á beira da mesa “de traballo” (¿en que traballará o pampiño?), dixo unha sucesións de parvadas que lle deberon aprender como se fai cos nenos nas funcións da escola: dálle que lle dás, preme que o premes… ¿En total? Unha absoluta falta de estilo porque non suxeriu nada inspirador. Algún idiota anda por aí a dicir que “el Soberano” falou de Política, “con letra mayúscula”: ¡mi madriña, que descoberta transcendental! Débese referrir a que xa abonda de políticos lambóns e de ladroízos… De acordo contigo, Borbón (ou Puig, que o ADN dalgún esqueleto podería aclarar). E tamén me gustou o de que non aparecese no teu escritorio a merda da arboriña de Nadal que en mala hora nos entrou por culpa de Hollywood.

Ora, non arranxaches nada, porque sabes que nada se pode arranxar e que o único que vos importa, a ti, ao fillo, á Fictizia e ás fillas (e, se cadra, aos netos máis vellos), é como se pode albiscar unha saída minimamente traumática, ho. Sé sincero, carallo…

Mira, o de “la Corona” é algo tan incomprensible coma o do Espírito Santo ese que inventou o esquizofrénico do Saulo de Tarso. Pero ¿que collóns benditos é o da Coroa? Eu non o entendo, e son enxeñeiro, doutor e un dos tipos máis intelixentes que eu mesmo atopei na vida… mentres ti lle dicías ao Celso Penche Felgueroso que non podías ser parvo con toda a educación que che daban.

Estades xuntos: o Rouco Varelouco Pailarouco, o FAEScista Supremo do beizo superior paralizado e todos os parásitos que andan ao teu arredor a comeren das faragullas douradas da Zarzuela. Navegades xuntos a Coroa e a Igrexa, e os que pensan que os demais non sabemos que a Transición se pechou en falso.

Aínda ben que os dous cataláns Mas (o Colell principalmente) saben a que árbore se se achegan á procura de acubillo; e xa viches o que che largou o que ten menos relacións cos que máis mandan: que non escoitara o teu discurso (de tolleito que xa gozou e vai de cara á cova) mais, que en todo caso, eles queren xuntar forzas con Europa: zurro para Madrid e para Andalucía, sucursal principal da españoleirada.

En fin, non-amigo Borbón ou Puig, nunca esqueceremos como lle xuraches fidelidade ao Cerillita de Ferrol, e o que iso significaba; nin como tragou o teu pai que foses o pupilo do Anano do Pardo.

Mais non che gardamos rancor: só sentimos vergoña allea. Por nós, que che dean uns millóns e te vaias en paz, como fixo o teu avó. Podes marchar coa troupe no ‘Príncipe de Asturias’ anes de que o despecen en Ferrol.

Ora, non nos fagas engulir que manteñamos esa xentiña dos teus, mesmo que xa desaprecesen das fotos os esposos impresentables das túas fillas.

¿Como aparecerás -se apareceres- na TVE1 no próximo Nadal? ¿En cadeira de rodas? Como for, rógoche que che escriban ben clariño -como se su o tivese que explicar nunha aula- en que consiste o da incomprensible Coroa.

Ata logo, e non bebas, que, como quebres us fémures con prótese, vai haber que pagar moito máis, e a xente pasa fames.

No hay comentarios: