"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







viernes, 22 de junio de 2012

O outro Alemaña Vs. Grecia dos Monty Python...

O partido entre Alemaña e Grecia desta Eurocopa vén precedido por un estraño morbo. Os dous países que se enfrontan simbolizan a brutal crise económica que padece o continente. Alemaña é o país forte, o que impón duras medidas de austeridade a aqueles que non devolveron os créditos a tempo. Grecia, pola súa banda, ven de saír dunhas eleccións e os seus cidadáns vivirán o encontro mergullados de cheo nunha situación social máis que complexa. Os mercados, que o observan todo, convertéronse nos xuíces dunha democracia doente.

Non é a primeira vez que combaten os dous países nun terreo de xogo, por suposto. No mítico programa de humor Flying Circus, dos británicos Monty Python, fixérono cunha aliñación moi especial. É sabido que moitos dos nomes máis importantes da historia da filosofía occidental xurdiron de Grecia e de Alemaña. Así, no Estadio Olímpico de Múnich, durante os Xogos Olímpicos de 1972, rivalizaban figuras como Platón, Sócrates e Aristóteles contra Martin Heidegger, Karl Marx ou Friedrich Nietzsche. A única sorpresa, no equipo alemán, é a inclusión doutro gran "pensador": Franz Beckenbauer.

O árbitro, rol que lle toca a Confucio, pita o inicio da disputa. Pero os xogadores non tocan o balón xa que están concentrados, filosofando, ao redor do campo.

O autor de "Así falou Zaratrusta", polémico coma sempre, é amoestado cun cartón amarelo por acusar o colexiado de "non ter libre albedrío". A liberdade, neste encontro e nesta democracia, é unha cuestión irrenunciábel.

Os locutores deixan de emitir o partido durante un longo período porque, ensimesmados nos seus propios pensamentos, os filósofos non son quen de efectuar nin unha xogada. Pero todo ten un principio. Se non, que llo digan a Arquímedes que, astuto, entende que a circunferencia pode ser usada. O seu berro "Eureka!" dá pé a que os seus compañeiros esperten e, tras unha coidada triangulación, Sócrates marca de cabeza o único gol cando falta un minuto para o final do partido.

Os alemáns, no gag e na actualidade, quéixanse dos gregos. Hegel asegura que "a realidade é unha serie apriorística de éticas non naturais". Kant, pola súa banda, mantén a través do seu imperativo categórico que "ontolóxicamente" o tanto só existe na imaxinación e, o máis contunde, Marx, reclama que o gol produciuse fóra de xogo.

Alemaña, que superara na semifinal ao " famoso trío" de centrocampistas ingleses Bentham, Locke e Hobbes, non puido contra unha Grecia cun Heráclito imparábel. Por iso, e polo seu determinante dribbling, recuperamos unha cita do de Éfeso: "Sendo o logos común, case todos viven coma se tivesen un logos particular". O deporte, e o humor, tamén fan pensar.

Aquí podeses ver o xenial gag dos enormes Monty Python:
  

No hay comentarios: