Por Manuel Rivas
El País - 31.05.2012
O galego non é patrimonio de ninguén. Esta é unha das frases estrela, das que alumea en neon, no discurso político dos que hoxe gobernan na maioría de institucións galegas.
Eu gusto tanto como o señor presidente desa declaración anarquista, non posesiva, verbo da lingua. No fondo, somos dous libertarios, o presidente e mais eu.
A lingua galega non pertence a ninguén, señores! Un patrimonio sen cancelas, sen dono. Vai vadía polos camiños da terra, do mare, do mundo. O idioma galego é como o campo da festa, como as praias, como a auga dos ríos, como o autobús do Inserso, como o canto da cotovía. Como o vento que abanea o herbal. Como a luz do faro.
Como o día e a noite.
—De quen é a lingua galega?
—De ninguén! —responde moi aleuto o voceiro de garda.
E engade moi rufo: “Ninguén, ninguén!, pode apropiarse do galego”.
Eu gusto, si. Mais logo teño un custodio contraditorio, anxo ou demouchiño, non sei, que me importuna na orella: “Pois se non é patrimonio de ninguén, o perigo é que ninguén se ocupe del. Olla as beirarrúas cheas de lixo, as praias con construcións ilegais, as caixas de aforros espoliadas... ¿E non será iso porque algúns pensen que a non ser propiedade privada pois non merece ningún respecto?”.
—Home, non pretenderá privatizar a lingua!
Pois hai algúns ultraliberais, como Murray Rothbard, profesor da universidade de Las Vegas, que mesmo defenden a privatización do aire que respiramos. A súa lóxica semella esmagadora. Para exercer un dereito hai que ter a propiedade correspondente. Por exemplo, para exercer o dereito á libre expresión pública debes ser propietario, ou pagar o aluguer, dunha sala onde falar. Pois así, se deixaramos a Murray Rothbard, discípulo de Hayek, a política de normalización do galego, o que faría é vendelo, adxudicalo nunha poxa. E se cadra esta lingua vale moito máis do que algúns pensan. Nesta abellariza enxamearon as palabras que andan en bocas portuguesas, brasileiras, angolanas, timorenses... O Goberno debería falar co seu deputado Pedro Arias e que faga un Informe de rendibilidade neogaleguista.
Imaxinen a noticia: “Vendido o galego nunha poxa na Christie’s de Londres. O idioma foi adxudicado a unha empresa chinesa. Só cos palabras que compoñen Negra Sombra agardan recadar o actual 2% do actual PIB de Galicia”.
Non, o galego non está en poxa, mais semella ás veces, moitas, que segue a ser tratado como unha mercadoría de segunda man. Dende logo, polas administracións. Un exemplo. É imposíbel encontrar en Facenda en galego moitos dos impresos fiscais, malia existir a demanda. Nin sequera podes gozar dese masoquismo de declarar trabucos en galego! Vense de coñecer outro dato: o que recibe da Xunta cada ano a fundación Cela é 44 veces superior a todo o apoio para o labor, inxente, da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Mais tamén hai xente que privatiza a lingua non como unha propiedade senón como un problema. Esa xente que profesa nos foros ou que se pon a predicar na radio ou no medio do bar cunha pregunta por bandeira: “Pero, para que serve o galego?”. Hai mesmo un personaxe ben curioso, que adoita ser dos primeiros en espetar esta pregunta, e é o tipo que só fala galego e un pésimo castelán: “Pero, para que carallo serve o galego?”. Que unha pregunta así a faga unha persoa que leva boa parte da vida valéndose desa lingua éche un misterio do Pentecoste. Home, ao mellor é un infeliz e bótalle a culpa á lingua. Mais as linguas son xenerosas. Queren a calquera boca. O único que ten que facer a boca é chamar por unha palabra, por unha frase, por unha taco, por unha canción, e aló van, contentes á boca, como dicía o Don Quixote: “Este libro é feliz pois vai buscarvos”.
Así que na vez de teimar no retrouso de que o galego “non é patrimonio de ninguén”, mellor sería dicir que é patrimonio da xente toda. De quen o emprega e de quen non. De quen o respecta, aínda que non o fale, e de que non respecta, aínda que o fale. A xente pode ter prexuízos. A lingua, non. Está aí, por se alguén a quere, e brinca aos labios nun santiamén, sen preguntar de que idea ou partido é a boca que se abre.
Mais cómpre lembrar que se o idioma está aí é porque hai bocas que terman del. Os patrimonios, públicos ou privados, esmorecen e extínguense se non hai quen teña conta deles. E o galego non só é un patrimonio da xente galega. A súa custodia é unha obriga que se ten coa humanidade.
O 17 de maio, en convocatoria de Queremos Galego, en Santiago, saíron á rúa miles de persoas. Encheron a Quintana. Dáse a cifra de vinte e cinco mil. En todo caso, moita xente. Neste tempo, e en día festivo soleado, aínda que sexa festa das Letras, xuntar tantas almas e moito xuntar. É a expresión dun desacougo fondo. Nin un só partido, nin unha asociación nin sindicato é quen hoxe dunha mobilización así se non hai sentimento forte detrás.
Un sentimento de perda. Porque non só perturban as perdas económicas, o déficit nas contas, os buracos nas finanzas. Se non somos quen de querer a lingua que aquí naceu, como imos soster o que as palabras nomean?
O Goberno só se preocupou de sinalar co dedo a afiliación dos denunciantes e ignorar unha vez máis a denuncia. Disque había nacionalistas, ecoloxistas, vexetarianos e mesmo algún otorrinolaringólogo.
—E que a lingua non é patrimonio de ninguén!
Non. De señor ninguén é só o silencio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario