"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 2 de mayo de 2015

A nosa débeda en Mauthausen


Pedro Gómez-Valadés
Faro de Vigo - 03/05/2015


70 anos xa. Setenta. Desde que o campo de concentración nazi de Mauthausen (Austria), fora liberado pola 11ª División dos EE UU. 70 anos dunha débeda de silencio pétreo coma unha lousa que para a nosa vergonza non ten visos de ser reparado. 179 galegos padeceron a brutalidade, a tortura e a morte a mans da barbarie nazi entre o ano 1940 e 1945, sen que sete décadas despois, Galicia teña feito aínda un recoñecemento oficial do sufrimento padecido por estes compatriotas nosos desterrados no fondo da memoria das nosas institucións. 

Resulta moi difícil por non dicir imposible de entender, como a estas alturas da historia, recuperadas hai décadas as institucións democráticas, aínda os galegos que padeceron o presidio e o exterminio en Mauthausen e noutros campos nazis, non tiveran unha rehabilitación e honra como merecen. Resulta desolador constatar que goberne quen goberne en Galicia, tanto sexa o Partido Popular, o PSOE ou o Bloque, nunca a Xunta de Galicia plantexou reparar esta dolorosa débeda histórica. Algo que como galego e como ser humano non podo nin entender nin moito menos aceptar. Sexa desidia ou insensibilidade, é unha imperdoable falta de respecto para con eses galegos, compatriotas na morte de 6 millóns de xudeus exterminados no Holocausto. Insensibilidade que tristemente non é exclusiva dos galegos en Mauthausen. 

Nos últimos anos dúas veces foi solicitado oficialmente no Concello de Vigo que o doutor vigués Eduardo Martínez Alonso, quen durante a II Guerra Mundial artellou unha arriscada ruta de fuxida desde os Pirineos ate Tui, atravesando a España franquista, salvando así a vida de incontables fuxitivos xudeus e refuxiados políticos que desde a Francia ocupada pola Alemaña nazi soñaban con chegar a Lisboa, tivera unha rúa dedicada na súa cidade natal, solicitudes estas que non tiveron nunca nin tan sequera resposta da nosa Alcaldía. 

Semella que unha nube gris cinza envolve en Galicia a todas as vítimas que padeceron durante o Holocausto. Desde que no verán de 2009 falecera quen foi o derradeiro supervivente galego de Mauthausen, o ferrolán Marcelino Pardal, xa non queda ninguén con vida que poida dar testemuño directo do seu paso polo campo nazi. É agora entón, cando deberamos ser nós, os que non aceptamos o pago co esquecemento, os que manteñamos viva a súa memoria e a demanda para que as nosas institucións rehabiliten, dignifiquen e reparen esta dédeba que dura xa setenta longos anos.

martes, 28 de abril de 2015

Mans eternas

Ano 1.898. Ela católica, el protestante. Mans eternas dende as súas respectivas tumbas. Separados polos dogmas, unidos para sempre polos amores. Fotografía tirada algures nun vello cemiterio holandés

"Se os crentes das diferentes relixións actuais esforzáranse en pensar, xulgar e actuar co espírito dos fundadores das súas relixións, entón non existiría a hostilidade baseada na fe que dase entre eses mesmos crentes. E aínda máis, as diferenzas en materia de fe pasarían a ser insignificantes". Albert Einstein.

martes, 31 de marzo de 2015

Un xogador de baloncesto




Dicía o mestre John Ford, que a grande diferencia entre o cinema americano e o resto das cinematografías, eran os actores secundarios. Eses personaxes de pouco brillo, poucas palabras, poucas esceas, pouco protagonismo, pero esenciais para completar as pezas do máxico puzzle co que se constrúe unha película. No basket sucede exactamente o mesmo. O brillo, as vitorias e o éxito dos grandes equipos da historia e de hoxe, susténtase nun dificil e complexo xogo de mecano no que os xogadores secundarios, xentes de oficio, serios, currantes, bos profesionais, pouco eco mediático e sen o glamour das estrelas, son absolutamente indispensables. 

Hoxe a tarde, despois de 27 días desaparecido atopouse o cadáver de quen fora toda a súa carreira, xogador no Club Baloncesto Valladolid, no histórico Forum, Lalo García. Non sei que puido pasar pola súa cabeza para tomar a dramática decisión de pedir o cambio, deixar o balón sen bote e abandonar a cancha. Non o sei. En todo caso, fora cal fora o motivo, o meu respecto, o meu sincero agradecemento polas horas e anos de basket das que puiden desfrutar grazas a xogadores secundarios coma el. 

Descanse en paz Lalo Garcia. Un xogador de baloncesto.

jueves, 19 de marzo de 2015

Álvaro Cunqueiro e os xudeus galegos


(...) As xuderias galegas tiveron unha grande importancia na Idade Media e o galego, o xudeu, ficou no país. Poucos xudeus sairon cando a expulsión na época dos Reis Católicos.

E un ás veces soña se nestes xudeus galegos de Tesalónica, tan pobres e humildes, xentes de pena -que dicía o Profesor Molho- dedicados a carrexar leña e auga... se ficará algunha morriña de Galicia, destas vilas nas que el viviu, Monforte, Ribadavia, á beira dos ríos, terra do viño, onde debeu vivir moi ben e moi tranquilo durante moitos anos.

Entón eu penso que a estes xudeus podiámoslle dicir un pouco que tamén en Galicia queda unha certa saudade daquelas xentes, daquelas mulleres de nomes tan insospeitados, dona Niebla, dona Sol, dona Sorprendida -que debeu ser moi fermosa, claro!-.

Álvaro Cunqueiro (1911-1981)

Tirado da entrevista realizada a Álvaro Cunqueiro en 1978 para o programa "A FONDO" de TVE

lunes, 9 de marzo de 2015

New York aínda máis espectacular

“Gotham 7.5K” é o título dun traballo do fotografo Vincent Laforet. Para presentalo, abonda unha frase do autor: “Imaxínese asomado á porta aberta dun helicóptero a 2.200 metros sobre a cidade de Nova York nunha noite moi escura e moi fría”. 

O que puido ver Vincent é o que vemos nestas fotos súas. O que desde logo non se pode ver é o vento que azoutaba o helicóptero aquela neoiorquina noite escura e fría. Tivéronlle que atar cun arnés para poder asomarse ao baleiro e lograr así unha perspectiva espectacular da cidade de por si espectacular de Nova York. Na súa web podedes ver todas as imaxes do traballo: https://www.storehouse.co/stories/r3rcy-air-gotham-7-5k







domingo, 8 de marzo de 2015

Día da muller en Kabul


Un pequeno grupo de homes manifestáronse onte en Kabul ataviados con burkas en defensa dos dereitos das mulleres de Afganistán. “Vai ser o Día Internacional da Muller e o mellor xeito de entender como se senten as nosas mulleres é pasear levando un burka enriba” Quen así falou chámase Bashir, un dos manifestantes. Dende a miña comodidade de estar sentado tecleando diante dun computador en Vigo, o meu recoñecemento, a miña admiración e todo o meu ánimo para eles e por suposto fundamentalmente, para elas, as mulleres. Que son as que padecen a brutalidade inhumana dos cárceres en vida dos burka, nikab, chador, hiyab, veo... 

Hoxe, día internacional da muller unha lembranza moi especial as que non van poder manifestarse e tampouco recibirán a nosa solidariedade para -seica- "non caer na islamofobia" criticando esta inaceptábel situación das mulleres sob o islam.