Pedro Gómez-Valadés
Faro de Vigo - 03/05/2015
70 anos xa. Setenta. Desde que o campo de
concentración nazi de Mauthausen (Austria), fora liberado pola 11ª División dos
EE UU. 70 anos dunha débeda de silencio pétreo coma unha lousa que para a nosa
vergonza non ten visos de ser reparado. 179 galegos padeceron a brutalidade, a
tortura e a morte a mans da barbarie nazi entre o ano 1940 e 1945, sen que sete
décadas despois, Galicia teña feito aínda un recoñecemento oficial do
sufrimento padecido por estes compatriotas nosos desterrados no fondo da
memoria das nosas institucións.
Resulta moi difícil por non dicir imposible de
entender, como a estas alturas da historia, recuperadas hai décadas as
institucións democráticas, aínda os galegos que padeceron o presidio e o
exterminio en Mauthausen e noutros campos nazis, non tiveran unha
rehabilitación e honra como merecen. Resulta desolador constatar que goberne
quen goberne en Galicia, tanto sexa o Partido Popular, o PSOE ou o Bloque,
nunca a Xunta de Galicia plantexou reparar esta dolorosa débeda histórica. Algo
que como galego e como ser humano non podo nin entender nin moito menos
aceptar. Sexa desidia ou insensibilidade, é unha imperdoable falta de respecto
para con eses galegos, compatriotas na morte de 6 millóns de xudeus
exterminados no Holocausto. Insensibilidade que tristemente non é exclusiva dos
galegos en Mauthausen.
Nos últimos anos dúas veces foi solicitado oficialmente
no Concello de Vigo que o doutor vigués Eduardo Martínez Alonso, quen durante a
II Guerra Mundial artellou unha arriscada ruta de fuxida desde os Pirineos ate Tui, atravesando a
España franquista, salvando así a vida de incontables fuxitivos xudeus e
refuxiados políticos que desde a Francia ocupada pola Alemaña nazi soñaban con
chegar a Lisboa, tivera unha rúa dedicada na súa cidade natal, solicitudes
estas que non tiveron nunca nin tan sequera resposta da nosa Alcaldía.
Semella
que unha nube gris cinza envolve en Galicia a todas as vítimas que padeceron
durante o Holocausto. Desde que no verán de 2009 falecera quen foi o derradeiro
supervivente galego de Mauthausen, o ferrolán Marcelino Pardal, xa non queda
ninguén con vida que poida dar testemuño directo do seu paso polo campo nazi. É
agora entón, cando deberamos ser nós, os que non aceptamos o pago co
esquecemento, os que manteñamos viva a súa memoria e a demanda para que as
nosas institucións rehabiliten, dignifiquen e reparen esta dédeba que dura xa
setenta longos anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario