"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 11 de agosto de 2019

"El Gran Miedo. Una nueva interpretación del terror en la revolución rusa" de James Harris




O historiador británico James Harris reconstrúe no seu libro "El Gran Miedo. Una nueva interpretación del terror en la revolución rusa" (Crítica) a esaxerada percepción de ameazas internas e externas que conduciu a Stalin a desencadear as purgas dos anos trinta na Unión Soviética.

Harris, profesor de Historia Moderna Europea na Universidade de Leeds, contradi a tese que presenta o período 1936-1938 como a culminación da loita de Stalin por eliminar a vella garda bolxevique e asegurarse o control total do país mediante unha nova xeración de funcionarios leais. Despois de mergullarse en documentos desclasificados nos últimos 20 anos, Harris chega á conclusión de que as grandes purgas foron froito non da tolemia homicida dun home ou da maldade intrínseca dunha ideoloxía, senón dunha malinterpretación dos datos dos servizos de intelixencia soviéticos, que axigantaban e deformaban calquera presunto indicio de conspiración interna ou externa.

A pesar de deixar claro que a violencia revolucionaria xa se practicou antes de que Stalin tomase as rendas do Kremlin, no contexto dunha guerra civil na que as forzas antibolxeviques cometeron tamén todo tipo de atrocidades, Harris non defende a idea de que o terror estalinista fose a evolución lóxica do sistema instaurado por Lenin. En 1936, sinala Harris, o Estado soviético era "moi poderoso, pero tiña a impresión de que era débil", pensaba que unha coalición de nacións hostís preparaba unha invasión da Unión Soviética e que existía unha quintacolumna que non cesaba de conspirar contra o réxime soviético desde dentro.

Desde mediados dos anos vinte, Stalin recibía informes da espionaxe soviética que suxerían que Francia e o Reino Unido, en coordinación co réxime de Pilsudski en Polonia, tramaban unha agresión militar contra a URSS, pero visto con perspectiva eses informes pecaban de alarmismo, magnificaban a ameaza real de invasión ou tendían a presentala como moi próxima no tempo.

Este "pánico bélico" a partir de 1927 levou á cúpula soviética a acelerar a industrialización, a expensas dunha colectivización forzosa no campo con grandes custos humanos: a fame negra de 1932-1933 cobrouse millóns de vidas en gran parte da URSS. Cando se fixo evidente que as cotas de produción impostas polos plans estatais eran imposibles de cumprir, os cadros implicados nos sectores produtivos tentaron salvar o seu posto botándose a culpa uns a outros, aducindo supostas conspiracións para sabotear os obxectivos económicos, o que, sumado á avidez dos servizos secretos por desenmascarar presuntas tramas contrarrevolucionarias, desatou unha espiral de represión.

As apelacións oficiais a extremar a vixilancia fronte a "saboteadores" e "trotskistas" camuflados provocou denuncias en cadea, que derivaron en detencións masivas, que á súa vez se traduciron en confesións delirantes de conspiracións ficticias feitas polos detidos baixo métodos de presión física e psicolóxica por partev do organismo antecesor do KGB, que elevaba logo a Stalin informes cada vez máis dramáticos e alarmantes sobre supostas actividades contra o réxime.

Todo iso alimentado e potenciado por unha historia rusa riquísima en golpes palaciegos, invasións estranxeiras e conflitos con etnias non rusas no interior do imperio, ademais da infiltración de espías da policía zarista sufrida polos bolxeviques antes de tomar o poder, unha bagaxe que acrecentaba a xa sobredimensionada sensación de vulnerabilidade do réxime soviético. "Non se trata dunha historia de paranoia, Stalin e moitos outros que compartían este temor eran fríamente racionais á hora de procesar a información que se lles proporcionaba", sentenza Harris.

No hay comentarios: