“Nunha sociedade democrática a solución dos problemas está nas urnas, nunca na prohibición de votar.”
Entrevista con Josep-Lluis Carod-Rovira
A Peneira - nº36 (08.07.2014)
http://www.apeneiradixital.com/
Hai aproximadamente 3 anos, despois dunha longa militancia, vostede tomou a decisión de abandonar ERC. Coa perspectiva do tempo, voltaría a facelo?
-Todo ten o seu tempo. ERC é una parte da miña historia persoal, pero xa é historia. Agora cumpre ollar para o futuro.
O periodo do Tripartit foi un tempo único na política catalana. Despois de décadas de gobernos de CiU afrontaron o reto de cogobernar PSC, ERC e IC-EV. Como valora hoxe ese periodo no que vostede foi vicepresident?
-Foi positivo e deste xeito será recoñecido no futuro. A esquerda non gobernaba o país dende o 1939, pero foi máis importante a necesidade de alternancia que ter un mesmo proxecto de goberno. Ás veces eran máis tres gobernos que un executivo único, pero a inversión na política social foi moi destacada. Tamén fixemos a construción dunha arquitectura institucional propia na política exterior.
Estamos nun ano crucial, incluso podería ser histórico para Cataluña. A consulta anunciada para novembro polo President Mas pode marcar un antes e un despois no camiño de Cataluña neste século. Será posible levar a cabo esta consulta?
-Isto é o que eu quero e espero, e tamén todo o pobo de Cataluña. Nunha sociedade democrática a solución dos problemas está nas urnas, nunca na prohibición de votar.
De non poder finalmente convocar e consultar aos cataláns en novembro, cal sería o escenario e cal a alternativa?
-A xente quere votar. Se España prohibe a consulta, será o momento de votar un novo Parlament de Cataluña, obter unha maioría democrática, facer despois un referéndum de autodeterminación, xa lexitimados polas urnas diante da opinión pública internacional e, entón, chegará o momento da proclamación pacífica, festiva e oficial da independencia.
Acabamos de vivir unas eleccións europeas nas que ERC superou por primeira vez a CiU e PSC que sufriu un desplome brutal. É real este escenario? Nunhas eleccións autonómicas repetiríase este resultado?
-Son tempos de cambios moi profundos. Eu coido que, nos próximos anos, as siglas das distintas forzas parlamentarias non serán as mesmas que hoxe. Imos ver o nacemento de siglas novas, a morte política de partidos vellos e a transformación de outros.
Como valora o gran resultado da extrema dereita xenófoba e antieuropea nas pasadas eleccións?
-Con moita preocupación. É o voto do medo, un voto sen esperanza, fillo do populismo, a xenofobia e o racismo. Mais tamén é unha reacción primaria diante da vella política democrática en tempos de crise.
Hai pouco máis dun ano, vostede xunto con outras destacadas personalidades da vida política e cultural en Catalunya, Euskadi e Galicia como Pilar Rahola, Jon Iñarritu, Iñaki Anasagasti, Txema Montero, Xoán Bernárdez, Miguel Barros, etc… apareceu coma asinante dun manifestó “Pola paz e contra o boicot a Israel”. Segue pensando que un boicot económico, cultural, deportivo, académico, etc. contra Israel sería negativo para o avance no proceso de paz Israelo-palestino?
-Os comezos da xudeofobia teñen unha motivación relixiosa e moitos dos que levan hoxe esa bandeira o ignoran. A racionalidade está ausente no conflito, é moi curioso que só se fale de boicot a propósito de Israel e non de ninguén máis no mundo. A xudeofobia é o único racismo con connotacións ideolóxicas presente na dereita e na esquerda. A solución é política, e só política.
Hai unhas semanas un proxecto como “Podemos”, irrumpiu con 5 eurodeputados no Parlamento Europeo. Como valora este tipo de forzas de aparición tan súbita?
-É a expresión da fatiga civil diante da vella política e dos partidos tradicionais. O tempo dirá se é un proxecto que pode ter futuro ou trátase dunha resposta política de vida efémera. Son un aviso ás forzas de esquerdas e tamén aos partidos nacionais ou nacionalistas.
Recentemente vivimos a abdicación do Rei Juan Carlos I como monarca en beneficio do seu fillo Felipe. Cal é a súa opinión o respecto?
-O meu interese político e a miña vida diaria sitúanse moi lonxe destas novas. É un tema propio da política española. Os cataláns temos xa un pé fóra desta España e queremos una República Catalana.
Afastado da vida política activa, bota algo de menos?, a que adica o seu tempo Carod-Rovira?
-Eu son un home sen partido, pero con país. Hoxe non teño responsabilidades políticas ou institucionais, pero sí opinión política ceibe. Son o director da Cátedra sobre Diversidade Social da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, escribo libros e artigos, pronuncio conferencias no meu país e tamén no estranxeiro, teño tempo de ler e de pensar, de vivir con intensidade e alegría, de imaxinar e de esperar. Fóra da política hai vida intelixente, culta, honesta e hai tamén a posibilidade de ter vida persoal, sábados e domingos: un descubrimento!
Moltas gracies
No hay comentarios:
Publicar un comentario