"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







jueves, 20 de marzo de 2014

O neno que estivo aquí. Lembranza en Viena de Jaime Vándor



Por Carlos Penela

Nun día como hoxe, de 1944, o exército alemán invadía Hungría. No curso dun mes, os xudeus húngaros foron concentrados nas áreas urbanas por parte das autoridades nazis, empechados e confinados en guettos en condicións lamentables.   

Comezaba así a deportación masiva dos cidadáns xudeus húngaros, máis de 440.000, sendo a maior parte deles enviados ao campo de exterminio de Auschwitz. Ao final da guerra, máis de 600.00 xudeus húngaros serían asasinados naquela vaga de odio que avanzou por Europa como un pesadelo.  

E no medio dese horror, un neno xudeu do distrito terceiro de Viena, de raíces húngaras pola parte paterna:Helmut Jacques Vándor, Jaime Vándor. Testemuña da infamia que aconteceu daquela en Mitteleuropa, habitante do guetto de Budapest xunto á súa nai e o seu irmán, máis tarde profesor de Literatura Hebrea, exiliado na beira catalá do Mediterráneo. Memoria viva e palabra serea e firme para nos confrontar co pasado máis escuro que este luns pasado nos deixou para sempre en Barcelona.  

Tiven a fortuna e o privilexio de coñecer en persoa o Sr. Vándor, precisamente aquí, en Viena, a capital onde comeza todo. O acaso permitiume conversar con el varias horas unha noite invernal; conversar devagar sobre aquel pasado, aquel pasado sempre voltando como unha mala sombra; sobre o valor de coñecer a verdade histórica, sobre Viena, sobre Israel, sobre a Literatura… Jaime Vándor era un home dunha cultura e unha experiencia vital fondísimas. Comprobeino nos correos que nos trocamos durante un par de anos e aquela mesma noite en persoa. Un mestre, no sentido máis exacto do termo, políglota, tolerante, sabio. E transmitía serenidade, moita serenidade e moita sensatez. Jaime Vándor era un home de ben.  

No ano 2008, o Sr. Vándor tomou contactou comigo, e fíxoo de xeito moi amábel e xeneroso (mesmo enviándome un par de libros seus dedicados) despois de eu publicar unhas fotos sobre o monumento ás víctimas do nazismo que hai nas beiras do Danubio en Budapest, unhas fotos que eu mesmo fixera no curso dunha estadía na capital húngara, percorrendo a fondo todos os lugares relevantes para a comunidade xudía e para a memoria da Shoah.   Trátase dun memorial que emociona pola súa significación e a sobriedade da súa concepción: zapatos de metal abandonados, de homes, de mulleres, de nenos…

Zapatos que lembran as ducias e ducias de víctimas xudías húngaras, cuxos corpos foron deitados ás augas danubianas co maior dos desprezos pola dignidade humana.   Como me contaría logo Jaime Vándor, primos seus foron tamén asesinados nas rúas de Budapest, apenas mociños que nada fixeran, tiroteados con impunidade por soldados nazis.   Jaime Vándor interesouse moito por aquelas fotos que tantas lembranzas (durísimas, pero non só…) lle traían e quixo saber do meu interese por aquel episodio terríbel, o interese dun galego que, desde Viena -territorio perdido da súa nenez-, tentaba facer un modesto apuntamento sobre o que acontecera daquela cos xudeus de Budapest.  

Así comezou pois unha troca de mensaxes e de cartas moi valiosa para min, ata que a finais dese ano do 2008 tiven a ocasión de coñecelo en persoa. Nos xeados días do decembro vienés, Jaime Vándor achábase na capital austriaca con motivo dun simposio sobre o ensino do Holocausto na ONU, no que el mesmo participaba cunha delegación de Casa Sefarad de Madrid.

Citámonos no vello Hotel Zipfer, onde el se hospedaba, na Josefstadt, o distrito octavo de Viena, no que está situada a Universidade Central. A súa presenza, a súa palabra e o seu trato próximo e familiar enchéronme de emoción desde o primeiro momento. No entanto, de inmediato, e de xeito moi cordial, el pediume que o tratara polo “ti”, sen maiores formalismos.   

Ceamos nun local próximo e Jaime Vandor falou longo comigo sobre temas e cuestións diversas que lle preocupaban, cunha proximidade e unha empatía como se houbese moito tempo que nos coñecesemos. Falaba un castelán moi culto, cun lixeiro sotaque que facía pensar que tiña orixe francesa. E continuaba falando un excelente e fluído alemán. Vandor era un home de Letras, un Filólogo de vella escola.   Referiuse a aqueles días felices da súa infancia en Viena antes da ascensión do nazismo e do estourido da Guerra. Con aquel ollar dun celeste sereo e bondadoso que el tiña, lembro perfectamente que comentou en certo momento: “Sabes? Eu amaba esta cidade, profundamente…

Pero pasámolo tamén moi mal…” Dicíao cun pouso de resignación e de saudade, de estoicismo distante, sentindo dalgún xeito a presenza daquel tempo que non se iría xa nunca máis do máis fondo da raíz da memoria e da dor. Comentoume tamén episodios curiosos e anécdotas familiares, como a dun tío seu que desenvolveu en Italia un sistema moi innovador de fabricación de xelados, que tería un incríbel suceso. Ou de cando o seu pai, de fala materna húngara, viaxando en certa ocasión nun navío polo Báltico ou o Mar do Norte, quixo comezar unha conversa con outros pasaxeiros en cuberta, porque pensara que eran tamén de Hungría. Mais en realidade eran fineses. Certa sonoridade común de linguas singulares cun sustrato irmán. Penso que Jaime Vándor acubillaba a lingua húngara, a lingua que herdou do seu pai, cun afago especial. Neste sentido, lembro tamén que me contou os seus encontros en Budapest co Premio Nobel de Literatura, o excelente escritor xudeu-húngaro Imre Kertész, de quen preparou a tradución e edición dalgunha das súas obras en castelán.   

Sentín que lle prestaba especialmente falar de asuntos humanísticos, filolóxicos, aos que dedicara 45 anos da súa vida como profesor de Literatura Hebrea na Universidade de Barcelona. E falamos, pois, dos oficios incertos da Poesía, que nos vencellaban, e da lingua alemá na que el naceu e á que eu me unín de xeito moi tardío, e daquela Viena poderosa do Fin do Imperio e de entreguerras, con tantas mentes (unha parte importantísima delas mentes xudías, lúcidas, libres…) sen as que Europa, sen dúbida algunha, non tería chegado a dar o mellor de si mesma como deu.  

Pero Vandor tamén era un home preocupado polos problemas políticos e humanos do presente. Participaba de numerosas comisións, estudios e conferencias sobre diversos e terribles xenocidios e masacres (Ruanda, Balcáns…) e lembro tamén que aquela noite falou con especial interese do que acontecera no Congo da época colonial belga e das atrocidades que se cometeran contra a poboación africana. Igualmente confesoume a súa preocupación fonda polo conflito en Oriente Medio e os seus desexos dunha convivencia xusta e pacífica, así como pola democratización e desenvolvemento dos veciños árabes de Israel. Estou convencido que o dicía con total honestidade e humanidade; si, estou totalmente convencido, apesar das insidias habituais que algúns poderían chegar a insinuar debido ao cargo que Vandor exercera como agregado cultural da Embaixada Israelí durante certo tempo. Jaime Vandor era un home de diálogo, de achegamento cívico naquilo que nos sitúa no mesmo plano como seres humanos, sexa cal for a nosa procedencia, credo, lingua…  

Despedímonos aquela noite co propósito de vernos de novo en Viena ou en Barcelona. Eu tiña proxectado viaxar en breve ata a capital catalá para saudalo de novo, pero diversas circunstancias foron adiando aquel reecontro. Demais. No entanto, e aínda que de maneira algo esporádica, nos anos seguintes continuei tendo contacto co Sr. Vándor por medio do correo electrónico e por carta…   

Algún tempo despois, souben que el estaba moi abatido polo pasamento do seu irmán e que precisaba de tranquilidade. Logo, caeu gravemente doente e estivo a ramo de morte, algo que me entristeceu profundamente. Saiu daquela doenza coa saúde xa moi estragada.  

Hai un poema que quixen publicar en vida de Jaime Vándor, porque ese poema fala daqueles días de Viena que el viviu. Ese poema estaba dedicado a el, e continúa estando dedicado a el. Era o meu desexo que el o lese…Non puido ser, non poderá ser xa. Estas liñas son unha homenaxe, unha lembranza a ese home xeneroso e honesto que foi Jaime Vándor, e dalgún xeito tamén un limiar obrigado a ese poema dedicado a el e ao seu destino, un poema que repousa aínda nunha gaveta e que espero publicar algún día.  

Está a chegar a primavera a Viena. Chega sempre de xeito moi fermoso no aire e no agromar da vida. Percorrerei de novo o Rennweg do distrito terceiro ou os coidados xardíns do Belvedere, por onde o neno Vandor foi feliz un día. Quixera poder recitar un kadish interminable e honrar así a súa memoria como el se merece...   

* Carlos Penela, escritor galego residente dende hai 10 anos en Viena.

No hay comentarios: