"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







martes, 24 de junio de 2014

O Consello da Galiza, Manuel Colmeiro e a Sociedade Hebraica de Bos Aires (I)

Carta de Manuel Colmeiro na que fai doazón ao Estado de Israel dun cadro seu
 
 
 

O Consello da Galiza, Manuel Colmeiro e a Sociedade Hebraica de BosAires (I)

Publicado por Factoria Ronsel - 21.06.2014

A Sociedade Hebraica Arxentina de Bos Aires fundouse no ano 1926 tendo como socio número un nada menos que a Albert Einstein. Foi un dos focos culturais bonaerense máis importante do século XX -continúa a ser- e polo tanto tamén referencia fundamental para os galeguistas en determinadas etapas, sobre todo despois da guerra civil coa chegada dos exiliados. Esa relación, que foi intensa e regular, nunca foi ata o de agora estudada con profundidade. Sería moi necesario afrontar esa tarefa nun estudo máis amplo para clarificar até que punto o galeguismo apostou por unha relación que lle abría non só as portas do desenvolvemento da súa actividade cultural, senón tamén as portas dunha escasa e irregular política de alianzas internacionais.

Sabiamos, por suposto, do continuado labor de Luís Seoane na Sociedade, con cadros, vidreiras e a organización de actos e exposicións. Sabiamos, aínda que son menos coñecidas, das conferencias de Paco Luís Bernárdez, na Sociedade Hebraica (con copia enviada a Rodolfo Prada, por certo). E sabiamos tamén da relación do pintor Manuel Colmeiro.

É dicir, sabiamos da relación estreita entre a comunidade hebrea arxentina e o galeguismo do café Tortoni representado por un sector novo e de esquerdas que tiña en Seoane, Colmeiro e Rafael Dieste os seus representantes máis coñecidos.

As circunstancias eran sen dúbida propicias. O galeguismo sempre tivo unha posición contundente sobre a guerra mundial, por exemplo. É pertinente a explicación aínda que semella unha obviedade. Non o é tanto. Os galeguistas romperon, por exemplo, co semanario España Democrática, onde colaboraban con outras forzas democráticas, por mor dunha coñecida editorial sobre os bombardeos nazis sobre Londres. Eran os tempos do pacto xermano soviético e non resultaba doado, aínda que soe moi contundente, a defensa dos ideais democráticos diante dalgúns sectores de esquerda.

Pero o que descoñeciamos era o alcance das relacións políticas coa Sociedade Hebraica. Habías sen dúbida. O Consello da Galiza, por exemplo, realizou varios actos públicos naquelas instalacións. Había que saber daquela que profundidade tiñan eses contactos, tendo en conta que durante aqueles anos de intensa actividade política e cultural, é cando se crea o estado de Israel. 
 
Solicitei a Pedro Gómez Valadés a á súa asociación de Amizade con Israel, os contactos precisos para comezar a investigar esa parte tan descoñecida da nosa historia. A axuda chegou con Débora Szuchmacher, directora de cultura e da biblioteca hebraica. A miña benzón a ambos. A documentación que Débora atopou nos fondos da Sociedade, de momento, non nos aporta aínda toda a precisión desexada nas relacións que a min máis me interesaban, as do Consello da Galiza e a comunidade hebrea, pero si no referente ao pintor Manuel Colmeiro.

As datas son fundamentais, porque estamos a falar de finais da década dos corenta, en plena proclamación do Estado de Israel. Manuel Colmeiro celebra unha exposición na Sociedade Hebraica. Sendo este dato importante, sendo un dato fundamental para a reconstrución da obra e vida dun pintor galeguista como Colmeiro, non é o relevante. O relevante é, sen dúbida, a carta que Colmeiro publica na revista da Sociedade Hebraica e que reproducimos de forma inédita neste espazo:

Ou sexa que a Sociedade Hebraica colaborou, de forma activa, na causa republicana, e polas palabras de Colmeiro, non nos estrañaría que tamén o fixera na causa galeguista. Ou sexa, que militantes galeguistas apoiaron, na medida en que as circunstancias modestas do galeguismo exiliado o permitían, a creación do Estado de Israel. É lóxico, tendo en conta, por exemplo, que o nacionalismo vasco tamén fixo unha aposta activa moi clara nese sentido. Nos últimos tempos téñense publicado novas e reportaxes indicando precisamente esa colaboración. A visión que hoxe podemos ter de Israel, envolta nun conflito encarnizado e crónico, non pode obviar que naqueles anos fose un punto de referencia para aqueles nacionalismos, que, entre outras moitas cousas, tiñan en común a loita contra as diversas formas do fascismo europeo. O balbordo do dogmatismo non pode conseguir que a nosa interpretación da historia, e neste caso da historia do galeguismo, sexa unha interpretación feita á carta dos acontecementos actuais. Manuel Colmeiro abriu sen dúbida un camiño interesante, un camiño descoñecido que continuaremos investigando en artigos posteriores, para entendérmonos moito mellor as construcións ideolóxicas e políticas daquel galeguismo exiliado e dos seus modestos intentos por estabelecer as súas propias relacións internacionais.

viernes, 6 de junio de 2014

In Memoriam: Normandía 4 de xuño de 1944


EL PÁIS - Canto tardaron en coñecer en Buchenwald a noticia do desembarco aliado en Normandía?

JORGE SEMPRÚN - Coñecémola o mesmo día. As once da mañá empezou a correr a noticia; ao mediodía sabíase con certeza. Cando os grupos de traballo regresaron, a nova difundiuse entre os 50.000 deportados que estabamos no campo. E ao pasar lista xa o sabía todo o mundo. Porque os presos saían a traballar ás fábricas ao catro e non se regresaba até o seis da tarde, cando tiñamos o pase de lista. Era un momento que os nazis aproveitaban para practicar o seu sadismo, sobre todo se nevaba ou facía frío. Neses casos tíñannos esperando de pé durante dúas horas. E como o rancho viña despois e non comeras nada dende as catro da madrugada, imaxina como esperabas que aquilo rematase. O día do desembarco, a xente estaba alí, de pé, agardando pasar lista, pero xa sabiamos o que sucedera. E por iso aquel pase de lista foi un festexo. Os alemáns, que se deron de conta, alongárono para castigarnos, pero, curiosamente, iso permitiu que o festexo se prolongase. Notábase en algo, aínda que a xente estivese firme e en silencio. Lembro que até os máis derrengados camiñaban cheos de empaque.


* Tirado dunha entrevista publicada no xornal EL PAÍS o 6 de xuño de 1994

martes, 27 de mayo de 2014

Manuel Colmeiro e Israel

En novembro de 1948, publica o pintor e galeguista exiliado en Buenos Aires, Manuel Colmeiro unha carta na revista DAVAR, voceiro da SHA (Sociedade Hebraica Arxentina) de agradecemento á comunidade xudía.

Colmeiro tiña xa exposto as súas obras nas salas da HEBRAICA e toma entón a decisión de doar unha delas ao nacente Estado de Israel. Na devandita carta escribe: "... y como reconocimiento del apoyo de la comunidad judía a la causa republicana española, ofrezco una obra mía, el óleo "Sega" para que disponga de ella a favor del Estado de Israel".  

SEGA (1932)

miércoles, 21 de mayo de 2014

Tenebroso apartheid israelí


Un exemplo máis do tenebroso apartheid israelí... Yasmin Hayek, cidadá árabe-israelí, ven de rematar hai uns días o Curso Superior de Oficiais da Academia Militar de Israel. Igualiño igualiño que na Sudáfrica do apartheid onde como todo o mundo sabe, os negros (non eran nin cidadáns nin de cor) podían estudar e licenciarse na Academia militar xunto compañeiros brancos...


sábado, 3 de mayo de 2014

Anatomía educativa?


“Estou moi orgulloso porque os cativos recibiron unha fantástica ensinanza de anatomía, algo que non verían nunha foto”. Stenbaek Bro, director do zoolóxico de Copenhague. 

De pouco serviron os milleiros de sinaturas recollidas e as queixas de organizacións para a protección dos animais. O zoo de Copenhague ven de sacrificar a Marius, unha xirafa de dous anos, alegando “que tiñan que evitar futuros problemas de consanguinidade. A finalidade do zoo é asegurar que os mellores xenes pasan ás xeracións vindeiras”. Os nenos visitantes do zoo foron convidados a ver como esnaquizaban á xirafa e a súa carne era logo arroxada aos leóns. Cousas que poden suceder en Dinamarca

domingo, 27 de abril de 2014

Hai agora vinte anos

Sempre digo que para min o basket é coma unha relixión laica. Sen ánimo de ofender a quen poida considerar excesiva esta afirmación miña. Pero que lle vou facer, así o sinto. Aprendín a amar o basket acompañando de cativo a miña nai mentras ela calcetaba mirando na TV en branco e negro ao mítico Real Madrid dos Brabender, Luyk, Emiliano... no inesquecibel Torneo de Navidad. Cos anos reparei en que na cancha do Joventut de Badalona había debuxado no seu parqué só liñas de baloncesto... e dende aquela sonche da Penya. Nos bos e nos malos tempos. Tempos de gloria e tempos case de caída no inferno. Pero o equipo verdinegro sempre saiu adiante e voltará sen dúbida, antes que tarde, a competir en todo, para todo e con todos ao máximo nível. E si, nin o Barça nin o Madrid... o primeiro en gañar unha Liga Europea foi o Joventut de Badalona unha noite do mes de abril de hai agora vinte anos.