Para quen non coñeza o caso "Éric Herrera", conto que hai máis ou menos unha semana, Éric Herrera foi vítima dunha brutal campaña de boicot e linchamento público (cartaces nas rúas de Manresa, mensaxes e fotografias nas redes sociais, ameazas a súa integridade...) para impedir unha actuación musical nas festas de Manresa. Dicir que Éric Herrera é músico, trombonista e forma parte do grupo 'Amusic Skazz Band" que tiña prevista a actuación no palco das festas. O "delicto" de Éric Herrera? Ter unha visión do conflito palestino-israelí diferente que a que os boicoteadores selectivos teñen e pretenden impor polas boas ou polas malas ("non podemos garantir a túa integridade se decides actuar" chegaron a espetarlle). Éric Herrera é un veterano militante de ERC (Esquerra emitiu un comunicado de condena do boicot) e ademais de socio de ACAI é tamén asinante do manifesto colectivo de Galeuscat-Israel "Pola Paz contra o Boicot a Israel". Para máis información do caso podes ler AQUI
Achego tamén traducido ao galego o artigo que o propio Éric Herrera publicou onte no xornal catalán ARA titulado "Heterodoxia Vs.Ortodoxia".
Este cartaz encheu as paredes de Manresa e as redes sociais |
Por Éric Herrera
A favor das persoas e en contra do racismo, doutra banda moi propio de cretinos. A favor da eutanasia e en contra da moralidade inquisidora. A favor do aborto libre sempre que nunca sexa unha fórmula anticonceptiva e en contra do paternalismo de xénero. A favor da homosexualidade -un tema que nin me expoño- e en contra da homofobia absurda. A favor da democracia e en contra dos totalitarismos de dereitas e de esquerdas. A favor da liberdade de expresión e en contra das censuras. A favor de axudar as persoas e as súas empresas e en contra de rescatar os bancos con diñeiro público. A favor da liberalización e en contra da privatización. A favor do ascensor social e en contra dunha economía planificada. A favor da meritocracia e en contra do funcionariado como sistema. A favor que quen teña máis pague máis e en contra dos impostos abusivos para todo o mundo. A favor da responsabilidade social e en contra da fraude a facenda. A favor da responsabilidade individual e en contra da aciaga cultura da gratuidade. A favor da liberdade individual e en contra da intervención estatal excesiva. A favor do libre mercado e en contra dunha economía do monopolio. A favor da combinación entre público, concertado e privado e en contra da nacionalización dos servizos. A favor da separación de poderes e en contra da man negra dos gobernos. A favor do estado laico e en contra da teocracia. A favor da propiedade privada, é dicir da liberdade, e en contra dos soños comunais. A favor da transparencia como alicerce nunha sociedade e en contra da corrupción. A favor da apertura dos partidos políticos e en contra do Partido como apparatchik.
Sei que ademais a quen teña esquemas cadriculados e unha vida política planificada esta exposición pódelle resultar chocante, pero todas estas pinceladas, toda esta sinxela declaración de principios sen moitas pretensións, concisa e moi xeneralista, non só serveme para exemplificar como entendo un pedazo de sociedade que eu desexo -o xeito de entender o estado do benestar en harmonía- senón para escenificar a heterodoxia na cal un pode vivir dentro dun mundo cheo de matices onde o empirismo demostra ser quen marca o paso nas relacións entre os humanos.
Dereita? Esquerda? Perdoe, a min non me veña con inventos sinistros da Revolución Francesa esparexidos por todo o mundo latino, ergo, estrafalario. E en todo caso fáleme á anglosaxona que son quen realmente traen a democracia no seu ADN, e dígame de conservador ou liberal, que eu sen dúbida, respondereille que son liberal.
Preocúpame, por dicilo dalgunha maneira, a reacción tola que a turba desde tempos inmemoriais tivo contra o sentido común e o diálogo sereno. O insulto fácil da tribo moi acomodada no seu territorio estético contra quen pensa diferente é un problema cultural que hai moito tempo que arrastramos como sociedade neste recuncho de mundo; o anquilosamento ideolóxico é a causa da desorientación política que sufrimos e que nos fai retrógrados como país.
Teño amigos que con certeza non estarán dacordo con algunhas das frases escritas máis arriba, pero nunca pensarian en tacharme de fascista e outros improperios máis propios do patio dunha escola, porque entre outras cousas, xa me coido de ter uns amigos enteiros. O que non podo entender é como hai tanto fanático que non sabe comprender nin entomar críticas -por moi duras que sexan- sen ter a necesidade de etiquetarte nun sector ideolóxico concreto. O seu problema -existencial- é que a cova fainos bárbaros da política, e as ramas das árbores non lles deixan ver máis aló da súa estética endogámica. estou farto de salvapatrias e de repartidores de carnés que basean a súa existencia a tachar de nazis, fascistas, sionistas, vendidos ou traidores a todo o mundo que non pense coma eles e o seu esquema mental preestablecido desde hai décadas.
Como é posíbel que haxa tanto cretino marcando o camiño ideolóxico ao resto dos mortais? Son desquiciados, demodé...
Hai xa anos que aprendín que só o empirismo con toques de heterodoxia fai as persoas máis progresistas e adultas, por enriba de sectarismos e da estupidez humana. É só a xenerosidade mesturada co librepensamento e o sentido crítico a fórmula máis acaida para chegar a bo porto. E é que hai que ser moi coidadosos á hora de inventarche unha capela onde o calor dos seus integrantes parece que sexa o único modus vivendi, e aspirar que esta capela sexa o referente para constituír un país novo. Tense que ter moita jeta e moi pouca humildade para pretender que che siga todo un país sen pasar previamente polo sufraxio universal. Os mesias divinos hai tempos que pasaron de moda, non sei se me explico...
No hay comentarios:
Publicar un comentario