"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







miércoles, 12 de junio de 2013

Nós os europeos

Aproveitando que o meu vello computador esmorece, revisito os fondos e arquivos esquecidos. E alí atopei onte un fermoso artigo publicado por Suso de Toro na desaparecida revista ENCLAVE (nº13) sobre Europa e o europeísmo. Pasaron os anos e as choivas da crise que todo corroen tamén afectaron loxicamente a esta magna construcción chamada Unión Europea. Mais eu, a pesar dos pesares e das duras, moi duras incertezas polas que atravesamos e que parecen querer cuestionar todo o feito, con tanto esforzo desde os campos asolados da II Guerra Mundial, sigo pensando o mesmo... que nós, os europeos, só podemos escoller entre a derrota ou Europa.



“NÓS” Por Suso de Toro

Poucas veces a xente se move tras da esperanza. Se algo nos bota á rúa tras un pavillón ese adoita ser o da rabia. Se cadra a esperanza cando xa é case desesperación, o último alento que se aposta a todo ou nada, o que resta antes de desfalecer. Ningunha revolución se fixo por un soño ou unha esperanza; foron por desesperación, a consigna do Outubro ruso foi “pan e paz”. Ou iso ou a nada.

Moita xente votou hai xa un ano para escorrentar un perigo, unha ameaza. E pola contra non votou hai uns meses no referendo porque Europa non nos causa angustia; non é ameaza; tampouco non ve nela esperanza. E pouca xente vota por convencemento racional, vótase do mesmo modo que se fai case todo na vida, irracionalmente.

A nosa imaxinación persoal e colectiva faise de materias do irracional. É a Historia, son as historias que nos contaron, que nos contamos. A tradición, as tradicións que nos envolven e ordenan os días, que se non serían unha aritmética incesante, desesperante. Ritos, crenzas. Todo o que non ten materia, todo o que é linguaxe. Todo iso crea a nosa conciencia de ser quen somos. Somos un ser medroso e desacougado polo traballo, por medrar, a hipoteca, a enfermidade, os fillos, que volva a Guerra... Somos un silencioso mundo turbulento, privado pero compartido. Iso son os países. E Europa non semella feita desa materia, non entrou no noso mundo interior. Aínda.

En realidade alá xa se decide case todo: a política monetaria da nosa hipoteca, a política social que garante ou non a escola, a sanidade pública, a xubilación. Case todo. Pero Europa non nos causa angustia, nin ansia ningunha.

Por outra parte a nosa cultura común é ou relixiosa ou épica, e esta Europa non semella ser nada diso. Non vemos aí heroísmo, nin o heroísmo dos exércitos nacionais e as batallas dos libros, nin o heroísmo da Comuna de París, Berlín, a República española, o Outubro ruso..., calquera revolta sanguenta e apaixonada que avive a nosa imaxinación. Europa é só iso: unha aposta contra o desastre, contra os seus propios límites e contra o peso da historia de odios nacionais nos últimos séculos. É unha aposta que semella irrealizábel ademais: o peso da Historia, a inercia dos intereses dos estados nación é moito.

A Ilustración e a Revolución francesa déronnos antes luz, e unha colleita de odios entre nacións tamén. Agora Europa quere o seu outro froito, o verdadeiramente maduro, un soño práctico. Pero para iso fai falla ilusión. E a ilusión é irracional, da materia dos soños.

E non ten prestixio, a “inteligentsia” europea é incrédula, non cre na ilusión inxenua. Só ten fe no escepticismo, levamos un século predicándoo. Rendímo-nos ante a estética, ante os soños imposíbeis, aínda que leven a desastres, pero desprezamos un soño pragmático. Non hai “glamour” nun soño que é froito do traballo gris de enxeñeiros e mercadores... Pero foron eles os que fixeron Europa, os portos, as manufacturas, as máquinas, a vacina, a aspirina... Non foi Espinosa, Kant, Hegel, Leonardo, Goethe, Hölderlin, Benjamin... Aínda que tamén.

Europa é toda, é a nosa civilización, o caldeiro máxico onde fraguamos a mestura que une a Oriente e Occidente, o monoteísmo xudeu e a maxia celta, xermana, eslava... A do imperialismo e tamén o antiimperialismo, a dos fascismos e a da democracia. As sufraxistas e o pacifismo. Non nos merecemos a responsabilidade, pero tamén o orgullo de ser nós, os europeos?

Pero Europa non será construída por Peter Pans caprichosos, para a merecer hai que se atrever a facerse adultos.

Suso de Toro é escritor.

No hay comentarios: