"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 24 de marzo de 2012

Conversa de madrugada...

Tel Aviv de madrugada visto desde o rio Yarkon


Por Ari Shavit

HAARETZ- 24.03.2012

Hai unha semana, un alto funcionario israelí mantivo unha longa conversa co seu hóspede estadounidense até as altas horas da madrugada. Como o convidado era listo e influinte, o funcionario, despois de ofrecerlle whisky e servir café, decidiu ir ao gran.

«Non hai tempo», dixo o funcionario israelí. En 2013, Irán atoparase máis dentro da zona de inmunidade. O afortalamento permanente de Irán e a dispersión das súas instalacións estratéxicas significan que, para ese entón, mesmo se Israel lanza un ataque, o programa nuclear de Teherán sobrevivirá. Unha vez que iso suceda, todos os que en Israel se opoñen a un ataque pasarán do argumento de «aínda non» a tirarse dos pelos gritando «xa é demasiado tarde». Por iso, queda totalmente claro que 2012 é un ano crítico para Israel. É agora ou nunca.

O alto funcionario israelí describiu as relacións entre Israel e Estados Unidos como excelentes. A diferenza do que ocorría no pasado, non hai disputas de intelixencia ou lagoas retóricas. Tanto desde o punto de vista diplomático como militar, o Goberno de Barack Obama fixo moito máis para enfrontar a Irán que a xestión de Bush. E o propio presidente é, segundo as palabras do funcionario, "impresionante, sensato, tenaz e esperto".

Pero unha visión realista da situación mostra que existen diferenzas comprensíbeis entre Washington e Jerusalem sobre a cuestión iraniana. Mentres que para Estados Unidos, unha bomba nuclear chiíta constitúe un problema estratéxico, para Israel trátase dun problema existencial. Mentres que Estados Unidos pode actuar en contra de Irán con relativa tranquilidade e sen precipitacións o próximo ano, a actuación por parte de Israel só pode realizarse durante este ano que andamos.


Quen sabe que na vida non todo é de cor de rosa deberían entender que é pouco realista esperar que o presidente de EE.UU prometa ao primeiro ministro israelí que deterá a Irán por medio dunha operación militar nalgún momento no futuro. Dese modo, precisamente por mor da estreita relación entre ambos os aliados, Israel debe estar preparado para aceptar o feito de que nesta tremendamente complicada cuestión, debe actuar só, sen consultar a ninguén.

Israel, en opinión do funcionario, deberá de respectar a Estados Unidos, e tomará en conta os seus intereses, pero non vai agardar a que o Estado norteamericano lle conceda autorización para actuar. Israel tampouco informará con antelación aos estadounidenses acerca deste tipo de operacións.

O funcionario israelí dixo que ve a Irán como un tigre de papel. A súa capacidade para levar a cabo un ataque directo sobre a fronte interna de Israel é limitada. O seu control sobre Hezbolláh e Hamás non é total. Se Líbano permite á organización terrorista chiíta atacar a Israel desde o seu territorio, terminará sen centrais eléctricas nin aeroportos.

Gog e Magog? Eses medos son bastante esaxerados. Estados Unidos non ten realmente nada de que preocuparse. Dado que a máxima preocupación de Irán é evitar que Obama se involucre na guerra, non terá ningún interese en atacar obxectivos norteamericanos. As posibilidades de que Teherán faga algo en contra de Estados Unidos son pequenas, e a capacidade de Irán para danar á primeira potencia mundial é case nula.


É verdade que os prezos do petróleo poden dispararse de maneira drástica. Pero incluso esa alza non durará moito tempo. Arabia Saudita aumentará rapidamente a súa produción. Nunhas poucas semanas, o mercado logrará acougarse e as empresas poranse de novo en marcha. Ao mirar cara atrás, todo o mundo agradecerá a Israel, recoñecendo a súa capacidade para resolver, á súa maneira, un problema que o mundo era incapaz de solucionar.

Despacio pero con firmeza, o funcionario israelí encargouse de repetir aquel coñecido mantra de que existen tres parámetros para unha operación israelí: capacidade, lexitimidade e a sensación de que o coitelo xa case roza a gorxa. E agora mesmo temos o coitelo sobre a gorxa, afirmou o funcionario: Polo que atinxe a Israel, 2012 é o ano da decisión.

Israel non está a enganar a ninguén, agregou. Dille a verdade a Obama.

Debemos evitar falar en termos de Auschwitz, pero todo o mundo debe entender que o Estado xudeu non pode permitirse deixar o seu destino en mans doutros. Non é esa a razón pola que viñemos aquí. Non é por iso que establecemos este Estado. O que está en xogo é unha cuestión fundamental de soberanía. Só se somos independentes e fortes, podemos protexernos e ser un socio digno dos nosos aliados.

Ao saír á fría noite de Tel Aviv, o convidado estadounidense estaba axitado e molesto. Escoitara realmente o que pareceulle escoitar? Estivéralle dicindo aquel alto funcionario israelí unha chea de descaradas mentiras, ou o fixo partícipe da verdade?

A finais de ano, o hóspede estadounidense o saberá; todos o saberemos.

No hay comentarios: