"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







viernes, 17 de febrero de 2012

Está da nosa man...




16 de febreiro de 2012 - El País



Tempos avoltos para o nacionalismo galego. Momentos de incerteza, pero tamén de esperanza. A presente crise pode agoirar a súa definitiva agonía, como pode anunciar un vigoroso reinicio. O galeguismo atópase perante unha ocasión difícil, improbable e se cadra a última, pero tamén real, para soerguerse e tornarse unha forza capaz de encanar o país cara ao futuro. Aproveitala ou desbaldila depende da habelencia e a altura de miras da súa dirixencia e da súa militancia. De máis ninguén. O dilema é: agora ou nunca.
»Un diagnóstico de urxencia. Sobre a última Asemblea do BNG direi soamente que non foi tan democrática como algúns aseguran: fórono as disputadísimas eleccións do candidato á Xunta e do portavoz, non o foi o proceso de debate político, no cal o asemblearismo volveu evidenciar as súas limitacións, manipuladas polo aparato para impedir unha discusión real no pleno. De feito, unha grave eiva do Bloque é a súa organización. O frontismo será unha fórmula axeitada na visión do partido-guía leninista, unha organización autoproclamada de vangarda que se arrodea de satélites. Pero non é compatible cun funcionamento autenticamente democrático: se no nacionalismo conviven correntes políticas claramente definidas, o lóxico é que se organicen de xeito autónomo e a partir de aí procuren xeitos de colaboración, coma tal as coalicións, estables ou circunstanciais. Por parte, o asemblearismo facilita a participación das bases no ámbito local cando as agrupacións non son moi numerosas, pero resulta dubidosamente funcional nos ámbitos meirandes: afinal, gañan a asemblea os/as activistas menos ocupados/as, que poden permitirse prolongar as xuntanzas ata imporse por desistimento da maioría.
Unha das maiores eivas do nacionalismo galego actual é a súa viciada cultura política, cultivada de vello polo partido matriz, e que impregna fondamente unha boa parte da militancia. Xaora, unha parte deses vicios non son exclusivos: illamento crecente da sociedade, tendencia a instrumentalizar os colectivos sociais, consolidación de castas dirixentes profesionalizadas, pechadas e cooptadas mediante selección negativa etcétera. Pero outros son máis peculiares do BNG: control do aparato por parte do partido mellor organizado, menos escrupuloso e máis activo; tendencia á subdivisión en familias cada vez máis diminutas e máis encristadas entre si; personalismo exacerbado dalgúns dirixentes…
En definitiva, o que se puxo de vulto na pasada Asemblea nacionalista foi a férrea determinación dun sector de controlar de xeito excluínte a organización e impor sistematicamente tanto as súas propostas coma os seus propostos, malia contar cunha exigua maioría. Isto abocou a unha crise irresoluble de convivencia entre as distintas correntes, que sacou á tona a existencia de proxectos políticos ben diferenciados, ademais dunha crecente incompatibilidade de estilos, de discursos, de persoas, de xeitos de dirixirse á sociedade. O devandito puxo de vulto para unha parte importante da afiliación que o BNG, na súa formulación ideolóxica, programática e organizativa actual é un instrumento político inservible para transformar o país. Cómpre outra formulación, un relato distinto, mudar as maneiras, novos referentes.
»Reiniciar o galeguismo. Para o sector que comparte a dita convicción, o máis coherente é abandonar o BNG para de non seguir malbaratando enerxías en liortas esgotadoras para os contendentes e irrelevantes para Galicia, e investir esas enerxías en tentar crear un novo proxecto, capaz de conectar cos sectores da sociedade amplos (pero hoxe minguantes) que se senten galeguistas e que perciben a necesidade dunha forza que sexa quen de defender de xeito eficaz, non só retórico, o pobo galego. Unha forza que non se limite a criticar coa debida contundencia a degradación do noso autogoberno, a inoperancia da xestión, o desleixo dos nosos intereses e a carencia de proxecto de futuro dos actuais gobernantes. Que se demostre competente para avanzar solucións concretas aos gravísimos problemas que nos atenazan, de espallar propostas atractivas, ideas ilusionantes; e sobre todo, unha forza destra en levalas á práctica para conseguir melloras tanxibles.
O novo galeguismo terá que facer máis pedagoxía política cara á militancia e á cidadanía, preocuparse máis por ofrecer análises serias e render contas rigorosas do seu desempeño e abandonarse menos á pirotecnia verbal e aos consolos ideolóxicos. Aterse máis á ética das responsabilidades e obsesionarse menos coa estética dos principios. Explicarlle á xente non só de onde vén, senón a onde quere ir e como quere chegar alí. Poñer en valor o seu xurdio capital humano, inzado de xente preparada, comprometida e xenerosa, e adoito miserablemente desperdiciado.
Porén, para que a crise do BNG non se derrame nunha desbandada catastrófica, cómpre que os diversos sectores dispostos á renovación actúen de xeito conxuntado, en colaboración máis ca en competición. Precísanse novos liderados, pois os tradicionais, hipertrofiados ou indecisos, quedaron gastos. Non se trata de prescindir de ninguén (terrible tradición herdada do estalinismo: maltratar as persoas e desprezar a experiencia), mais é tempo de desbotar os vedetismos e as reviradas, infindas, inextricables xenreiras persoais. Afortunadamente, foron e son as bases as que están marcando a pauta, con nota especial para a mocidade estudantil e os cargos municipais. O inédito protagonismo desas bases activas e cada vez máis formadas ofrece un hálito de confianza.
»Afrontar os retos inmediatos. De primeiras, emerxerán varios xermolos partidarios, pero sería un erro que se constituísen como ámbitos pechados, ferramentas de loita cainita por ocupar espazos raquíticos. Hai que ollar de alto e ben ao lonxe. Domear o resentimento e evitar que o revanchismo, nin sequera con respecto á UPG (que conta cunha militancia tan abnegada coma cegamente obstinada), dite as difíciles decisións que se aveciñan. Haberá que conseguir un divorcio de mutuo acordo para que o nacionalismo non perda a cota de poder municipal que detén: velaí a proba de lume da responsabilidade de todas as partes, a comezar pola dirección do BNG. As declaracións de Guillerme Vázquez fan temer o peor.
Temos que pasar a folla. Pensar en positivo. Achégase unha batalla política decisiva: as vindeiras eleccións autonómicas. Se cadra, o máis práctico sería artellar unha plataforma electoral aberta, ampla e plural, do estilo daquela Unidade Galega que obtivo un resoante suceso nas eleccións municipais de 1979, conformada polo Partido Galeguista, o PSG e Esquerda Galega (daquela Partido Obreiro Galego). Se fose posible argallar tal plataforma e concentrar os esforzos na elaboración dun programa electoral sólido e dunhas candidaturas atractivas, para as que se escollan as persoas non pola súa obediencia a algunha capela senón pola súa solvencia e a súa capacidade de interpelar o país, podería producirse un poderoso efecto de arrastre, tipo Foro Asturias ou Amaiur. Cómpre unha faísca que sexa quen de galvanizar as enerxías deste pobo, se é que están só irtas e non irremediablemente mortas. Nada sería máis alentador, nin máis temible para quen está esganando o seu futuro.

No hay comentarios: