


















Tel Aviv, cidade-xardín de luminosa arquitectura, exemplo do sionismo orixinal, laico e progresista
Por Javier Montes*
A arquitectura é o termómetro das utopías, e en Tel Aviv marca os graos que alcanzou en Palestina a febre dun novo Israel despois da I Guerra Mundial. A historia empeza coa carta privada máis pública do século XX: "O Goberno da súa Maxestade ve con bos ollos o establecemento en Palestina dun fogar para os xudeus...". (En 1917, o secretario do Foreign Office, lord Balfour, escribía ao barón de Rothschild e á sociedade sionista un folio por unha cara que condensaba séculos de diplomacia e flema británica; e cambiou a historia do século XX e o que levamos do XXI). Os ingleses arrebataran aos turcos o control de Palestina -un agasallo envelenado- e durante o mandato permitiron oficialmente a inmigración de continxentes xudeus, máis ou menos de mala gana, desde todos os recunchos dunha Europa cada vez máis antisemita. Levaba facéndose oficiosamente desde finais do XIX: desde Polonia viaxaron, por exemplo, os pais do escritor Amos Oz, que conta nunha historia de amor e escuridade como antes de emigrar a súa familia lía a diario pintadas antisemitas polas rúas polacas: "Xudeus, marchádevos a Palestina" (xusto nas rúas onde el mesmo, cincuenta anos máis tarde, lería: "Xudeus, fóra de Palestina"). Compráronse por nada as terras áridas dos arredores de Jaffa, o porto principal de chegada: en 1900 había uns 5.000 habitantes en veciñanzas caóticas e malamente tolerados polos turcos. En 1909 rebautizouse o asentamento co nome de Tel Aviv, o monte da primavera, que conseguiu o estatuto de cidade en 1917. En 1934 contaba xa con 75.000 residentes. Tel Aviv tiña dúas vantaxes: estaba perto do mar e lonxe de Xerusalén. O sionismo orixinal, laico e escorado á esquerda, era o primeiro interesado en escapar ao peso milenario da Cidade Santa, demasiado santa para demasiados fanáticos de demasiadas relixións. Nas dunas desertas e as praias de Tel Aviv podían porse máis libremente os cimentos dunha cidade e unha sociedade nova: a magnífica arquitectura de entreguerras da súa zona vella mereceu ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e fala claramente dos soños igualitarios e progresistas dun Estado que non acabou de nacer ate que pasou o pesadelo do Holocausto, e que moi pronto pisaría o lado escuro e pagaría o prezo que se cobran as utopías ao converterse nun punto fixo e inflexible máis aló do horizonte. Xunto a Chandigarh (India) e Brasília, Tel Aviv é o exemplo de carne e óso -de cemento e ladrillo e estuco- máis completo do encontro dunha utopía política (aquel "fogar para os xudeus" tras dous mil anos de diáspora) e outra arquitectónica: a do Movemento Moderno, a Bauhaus e o Estilo Internacional que atoparon na cidade construída ex novo a gran ocasión para pór en práctica as súas teorías. Os construtores de Tel Aviv tiñan claro que o historicismo decadente da vella Europa non servía para levantar un mundo novo: demasiadas asociacións e recordos do bo e o malo deixado atrás: os cafés de Viena, os pogromos de Rusia. Tampouco era práctico. Facía falta un estilo novo, fresco no sentido máis literal: fachadas brancas para reflectir o sol do Mediterráneo, balcóns e terrazas para airearse, azoteas planas e sen medo á choiva, brise-soleils para graduar a sombra.
Cinto de bulevares
Aínda hoxe nótase a planificación de Patrick Geddes, baseada na cidade-xardín inglesa. E a escala humana do centro reprodúcea cada edificio: de tres ou catro andares como moito e exentos para permitir a ventilación cruzada que agora se descobre -a boas horas- como prodixio de sustentabilidade. Casas democráticas, rápidas, sobrias, baratas, dignas e depuradas nos seus acabados e detalles, sobre os pilotis que permiten xogar aos nenos e cultivar xardíns comunais, fronte a rúas residenciais estreitas e esquinadas que non poden converterse en atallos do tráfico das avenidas comerciais. E todo cinguido polo cinto de bulevares elegantes e sombreados pensados para a hora do paseo. Porque a escala humana percíbese andando: hai que camiñar de terraza en terraza pola famosa rúa de Sheinkin, que foi nos oitenta reduto de bohemios e esquerdistas e é hoxe unha zona xentrificada de tendas caras onde loce a xente guapa e a boiante comunidade gay. E achegarse ao núcleo do vella Tel Aviv para pasear pola rúa de Bialik, ou a rúa de Idelson, verdadeiros museos de arquitectura do XX: hai unha sinagoga art déco e un antigo concello que dubida aínda entre a Sezession vienesa e o novo estilo que proclaman os palacetes orgullosos dos anos trinta. Un é hoxe a casa-museo do pintor Reuven Rubin. Outro, a Fundación Bauhaus, con exposicións dedicadas á pegada en Israel da escola de artes e oficios de Dessau: os nazis pechárona en Alemaña en 1933, pero atopou (xustiza poética) en Tel Aviv unha segunda vida e deixou unha herdanza que se alongou até ben entrados os anos oitenta, cando no paseo marítimo callaron os rañaceos que agora rouban luz ao resto da cidade.
Cachivaches e samovares
A praza Dizengoff é o corazón do Tel Aviv comercial: restaurou os seus edificios e un vello cine loce hoxe como hotel branco e futurista. Hai cerca bares modernos e restaurantes-institución como o Idelson, e acubilla un mercadillo onde todas as semanas afloran os cachivaches e os samovares e os bibelots europeos que trouxo consigo a primeira xeración de inmigrantes. Na rúa de Ahad Haham, o Café Noir non envexa nada aos máis elegantes de París ou Berlín, e por todo o centro hai terrazas e bares informais de aire neoiorquino. Pero cerca queda a vella Jaffa para recordar as orixes árabes da cidade (e moito máis antigos aínda: no porto que saqueou Bonaparte pode verse a Roca de Andrómeda, onde, segundo a lenda, Perseo a rescatou do dragón). E no elegante bulevar Rothschild ou no parque Meir loce unha xardinaría de secano que sabe aproveitar cada pinga de auga para regar lentiscos, ficus, oliveiras, cipreses, papiros, buganvillas, adelfas, flamboyanes e jacarandaes. Tel Aviv non chega ao século e, fronte a Xerusalén -cada vez máis conservadora-, móstrase aberta, dinámica, moito máis relaxada do que deixan adiviñar os nosos telexornais, divertida de noite e de día: a moitos ultraortodoxos de Israel ponlles nerviosos por iso. O seu segredo está, se cadra, en que é nova, pero ten memoria: os seus habitantes trouxérona nas maletas os recordos de moitos séculos, e de noite, polas rúas máis tranquilas, un crese de volta á Europa da que viñeron.
*Javier Montes (Madrid, 1976) é autor da novela "Los penúltimos" (Pre-textos, 2008). El País - 25.10.08

dos rañaceos é de orixe galega. Outra especialidade, na estratexia emigrante galega de gañarse a vida en Nova York, foi a dos pintores de liñas de sinalización nas rúas. As liñas continuas e discontinuas, as amarelas, os pasos cebra... Pintar o asfalto, limpar as fiestras dos rañaceos. Son traballos duros. Dunha dureza poética, se fosen cantados co místico panteismo do traballo que tiña Walt Whitman. Claro que hai galegas e galegos en moi diferentes oficios e posicións. Hai galegos catedráticos en Princeton, como Ángel Loureiro. Hai galegos médicos formados en Harvard. Como o fillo de Isolina. Mais eu de quen quería falar precisamente era de Isolina. De Isolina González. No alto, a través do teito da Cuny, pode verse a metamorfose luminosa do Empire State, esa icona de cando o progreso era optimista, a vontade de vaidosa elevación estética. Mais eu enfronte teño a Isolina. Os ollos moi abertos, de estirpe mariña, de Isolina de Maniños. -Segue a ser Galicia invisible?, pregunta Dino Pacio, el mesmo un vagalume por Manhattan. Sei o que quere decir, sei o que quere preguntar, mais non teño unha resposta clara. Na nosa comunicación hai un optimismo invisible. Resulta que unha posible resposta está perto. É a historia de Isolina. A nena de Maniños á que levaron con dous anos ao orfanato de Ferrol, en 1947. O pai, Xaime Vizoso, era un antifascista e foi asasinado ese ano por esbirros de Franco. Levárono camiño do cemiterio de Barallobre. Torturárono até o linde da tortura. Cortáronlle os dedos e metéronllos nos petos. Despezárono. Cando morreu, estaba feito cachizas, como o ceo do que fala Lorca en Oficina e denuncia. Un home esnacado na luxación da noite. A nai non puido soportar aquel martirio e morreu ao puco, despois de perder tamén a crianza que levaba no ventre. E Isolina foi ao orfanato cun irmán pequeno, nin andaba o neno. "Era un abrazo, tiña o tamaño dun abrazo", dime Isolina. Alí estivo, naquel lugar de medo, de ocultación, até os 18 anos. Traballaba como unha escrava, apenas lle aprenderon a ler e escribir. Todo o día traballaba Isolina, secadra a mellor costureira do mundo sen sabelo. Facía bordados imposíbeis e zurcidos invisíbeis. Facía o que ninguén sabía: enfiar o chiffon dos veos das monxas. Fixo un mantel para a casa da muller dun capitán xeneral e deseñado para cen convidados. E fixo tamén as cen servilletas ben bordadas coas mesmas cores da cerámica inglesa da vaixela. Isolina só podía ver o exterior por un ventano. Era como o ollo do cosmos, que daba a luz. Así é a ollada de Isolina. O que di dá luz. A súa boca é a da literatura. Por ela fala a condición humana. Aos 18 anos puido partir para Estados Unidos porque alí tiña familia emigrante que á fin a acolleu. Casou. Tivo cinco fillos. As que ela pasou! Unha versión galega d'As cinzas de Ánxela. O apelido González, venlle da voda cun portorriqueño. Volveu a Galicia, á Coruña. Os fillos eran cidadáns norteamericanos. Co tempo, o maior volvería a América. Pasou mil traballos, mais quería ser médico e á fin entrou na universidade máis prestixiosa, un lugar de culto para a mediciña americana: Harvard. Tamén Isolina volveu a USA. Esta vez non para pasar calamidades, senón para estudar. Pasou por Brooklyn College con éxito. Agora estase a doctorar na City University of New York. Os seus estudos abranguen toda a literatura peninsular e Latinoamericana. O fillo médico pagou os estudos de literatura á nai. E a nai ten unha misión na cabeza: escribir a historia de todos aqueles que ela coñeceu e non a pudieron escribir. Non. Galicia é cada vez menos invisible. Menos descoñecida. É doado ser pesimista. O que é difícil é ser Isolina. Hai un cadro de Isaac Diaz Pardo que se titula, máis ou menos, A muller que leva enriba da cabeza todas as cousas necesarias para vivir. Miro a Isolina cabo do Empire State. Hai xente que no ve nada, mais eu, esta noite, estou a ver todas as cousas necesarias para vivir. Estou a ver que leva Galicia na cabeza Estou a oír, cando fala, a boca da literatura. E a súa ollada, a de Isolina, é a do Vincent Van Gogh. Pasou o tempo da invisibilidade galega. Vexan como emerxe nas cabezas! Que ben escintila de vida e cores na noite! 




































