
martes, 30 de noviembre de 2010
sábado, 27 de noviembre de 2010
Piano bar...

Desde os recantos ve moito mellor o mundo,
Por iso nos locais onde teñen piano,
Brillan os instrumentos nos ángulos agudos
Para que a pianista poida xulgar o mundo.
Desde os recantos ve moito mellor o ambiente,
E as máscaras que cobren o rostro dos fracasos,
Poi iso a pianista toca desde un recanto
Pezas que son coartadas para xulgar o ambiente.
Desde os recantos caza misteriosas historias,
Os tácitos desexos que un garda na memoria:
Tódalas pianistas son verdadeiramente
Cazadoras furtivas de historias misteriosas.
E a pianista sabe que desexo a muller,
Que, buscador da prata dunha melena loira,
E duns ollos de gata, dos que tiña memoria,
Eu entrei no local perseguindo a muller;
Que, estratego, escollín este lugar na barra,
Que se pedín un whisky foi para vela ben,
Traidora a case todos nunha soa mirada
Que cruza, río secreto, e morre nesta barra.
Sospeita que os espellos son lagos traizoeiros,
Que acaban aboiando sobre as augas paradas
Os devezos pactados e rotos, sen palabras,
Que eu son ese afogado nun lago traizoeiro.
Mais, se cadra, ela ignora que somos os poetas
Detectives urbanos que pescudan nas vidas,
Curmáns de Baudelaire, destas descoñecidas,
Que chegamos a amalas porque somos poetas.
Seres da multitude, nós amamos a tódalas
Que escriben, coa mirada, unha novela negra:
Sobre ilícitas músicas, nós poñemos a letra
E, ó lermos a novela, esquecemos a todas.
Un estraño instrumento chamado corazón
Que soe ter as cordas algo desafinadas,
Pode aquelarlle ritmo á clandestina ollada
Coa que a muller me entrega, escuro, o corazón.
A pianista pensa que o final desta historia
É un verso de bolero, entre inxenuo e fatal,
Por iso busca as notas que cortan, melancólicas,
O fío das historias sen final.
viernes, 26 de noviembre de 2010
sábado, 20 de noviembre de 2010
jueves, 18 de noviembre de 2010
martes, 16 de noviembre de 2010
Klezmer na illa de San Simón...

O mestre do violín klezmer Steven Greenman abre as "master class" de música tradicional da Agadic na illa de San Simón
O violinista e compositor estadounidense Steven Greenman, recoñecido internacionalmente como un dos mellores intérpretes do violín klezmer, inaugura mañá o novo ciclo de master class de música tradicional que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) organiza na sede da Fundación Illa de San Simón, na ría de Vigo. Os participantes neste primeiro curso, que se estenderá ate o sábado día 20, terán a oportunidade de achegarse á milenaria tradición da música klezmer no leste de Europa, afondando no repertorio do folk xudeu para instrumentos de corda.

O mestre Greenman porá especial énfase en que os alumnos interioricen este tipo de música cantando as melodías, tocando "de oído" e familiarizándose co fraseo melódico e o acompañamento no folk xudeu, ao tempo que se abordará o repertorio klezmer non só a partir da música, senón tamén da tradición oral e a danza. Ademais, unha das tres sesións estará especialmente á ornamentación específica para violinistas e violistas no marco desta tradición musical. As clases culminarán nun concerto dos participantes co material aprendido.
Recoñecido polo seu virtuosismo e a súa precisión técnica como solista, Steven Greenman é tamén un afamado profesor de violín tradicional klezmer. Compaxina esta faceta pedagóxica cos concertos que ofrece como parte de diferentes formacións tradicionais e do seu Steven Greenman Klezmer Ensemble. Ten autoproducido, así memso, dúas gravacións de referencia que documentan as súas composicións: Stempenyu’s Dream (2004) e Stempenyu’s Neshome (2010), esta última coas súas melodías espirituais xudeas de autoría orixinal.
O encontro ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos. EsteS será Nseleccionados directamente polo mestre en función dos seus méritos e deberán achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de só 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, teñen a posibilidade de realizar a inscrición en liña a través da páxina web
www.masterclassdemusicatradicional.info.
Ligazóns
sábado, 13 de noviembre de 2010
Guia da boa esposa...











