
Debía ser o ano 1963 que era eu moi pequeno e aínda vivía o bisavó Nemesio na aldea. Aínda lembro que nunha revolta do camiño, despois da curva de Soutoderrei, pouco antes de chegar a Cudeiro, estaba alí, no medio do luscofusco da noitiña, pousada sobre un muro de cachotes, unha cabaza furada que desprendía luz pola boca e ollos, deixando o resto nun difuso ton laranxa. Papei un sustiño conforme á idade e despois de soñar un par de días con ela, esquecina para sempre ata que reparei, moitos anos despois, na semellanza coas cousas do Halloween en Estados Unidos. Nunca souben se o que puxera a cabaza fora alguén que "mantiña unha tradición" ou un retornado da emigración cunha nova importación de costumes. Desde logo, se se quere resucitar ou crear algo dacabalo entre as manualidades escolares, a tradición e a festa, sería bo chamarlle Noite de Defuntos, Festa dos Defuntiños ou algo así, para chiscarlle un ollo cómplice ao "medo" asociable ás máscaras e pinturas macabras que seica queremos que fagan os nenos. O que non me enche o ollo é usar Samaín (pronúnciese, seica, Xau-in) que no irlandés vello significaba "fin de verán" e no actual dálle nome a un mes, paralelo á nosa expresión "santos" para novembro. Tampouc
